Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/06/09

Esta lingua quere xastres

A ofensiva contra o galego está ben calculada e poderosamente armada. Era sabido: a dereita coñece a sintaxe do exterminio dende o mesmo intre en que o patentou, e opera nas atalaias máis privilexiadas, nas máis altas, nas máis seguras, dende que inventou para si propia o poder. Pero hai algo que nin o pedigrí nin a folla de servizos da dereita aseguran: a lucidez no diagnóstico. Feijóo e o seu goberno engánanse na lectura do escenario, e o que é peor, porfían na súa miopía. Esa é a súa debilidade. E tamén unha oportunidade.

A lingua é forte na medida en que son fortes, e moitos, e distintos, os que a defenden. O primeiro sinal de que o conselleiro de Educación non tiña en contra un partido político senón unha sociedade, a galega, ferida na súa dignidade e escandalizada pola obscenidade do seu ataque, dérona milleiros de persoas nas rúas de Compostela o pasado 17 de maio. Non estaban todos, pero tampouco estaban só os de sempre. Logo viñeron os editores, as escritoras, as aparelladoras, as universidades, os sindicatos, os mestres, o meu veciño do segundo, unha amiga do PSOE, un concelleiro nacionalista e un profesor moi facha que tiven na facultade. Viñeron todas as nais e todos os pais que viven nun país que Feijóo ignora. As nais e os pais cos que o conselleiro non contaba cando perpetrou ese pasaporte á demagoxia que se fai chamar enquisa.

Agora, o escenario demanda novas actitudes, novos argumentarios, outra estratexia colectiva. Das institucións relacionadas coa lingua galega cómpre agardar compromiso, non co nacionalismo nin coa soberanía senón coa lingua que as lexitima no ordenamento xurídico ou nos seus estatutos. Dos partidos políticos, un esforzo de centralidade no mínimo común da convivencia. Dos actores tradicionais na defensa do galego, intelixencia e xenerosidade para asumir que neste intre a lingua non os necesita na primeira liña. Nada pode prestar máis axuda a Feijóo que un traxe cativo. A resistencia pide roupas folgadas, elásticas, sen costuras. O galego non necesita frautistas nin destinos tráxicos nin museos. A lingua quere xastres. E moitas.

Artigo de Iago Martínez

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.