Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/06/09

Libro de las madres

O libro que -case- me regalan os meus fillos polo día da nai. A verdade: dous días antes estaba na libraría e chamoume a atención, polo que decidín depositárllelo nas súas mans para que mo agasallaran ese día. E é que o libro me reclamou desde o que vin diante, tanto pola forma como polo contido, nunha coidada encadernación en papel satinado, con fermosas ilustracións de pinturas de diversas épocas... tiña todos os ingredientes para que me gustase. O Libro de las madres editado por Laura Freixas ten como tema único a maternidade, desde diferentes puntos de vista.
A editora propúxose recopilar fragmentos literarios que trataran o tema da maternidade, e estes desde Eurípides a Clarice Lispector. Así, topamos moitos autores: San Agustín, Apolonio de Rodas, Jane Austen, Boccaccio, Chateaubriand, Chéjov, Eurípides, Don Juan Manuel, Clarice Lispector, Joaquim Machado de Assis, Katherine Mansfield, Ovidio, Emilia Pardo Bazán, Benito Pérez Galdós, Jules Renard e Madame de Sévigné.
En canto ás ilustracións, topamos obras como ‘Las tres edades’ de Gustav Klimt, Tintoretto con ‘José y la mujer de Putifar’, pasando por Picasso, Munch ou Delacroix.
Antes de cada relato atopamos as referencias ao texto por se queremos ampliar a lectura, así como os datos sobre a pintura que ilustra en cada ocasión.

Un libro "maternalmente" fermoso e absolutamente recomendábel.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.