
Non hai que ser moi intelixente para asegurar que, por moito que pasen os anos ou as xeracións, Michael Jackson será un referente cultural, como o son todos e cada un dos artistas que vos cito a continuación:

Bob Marley: Dificilmente podemos atopar un artista que estea tan plenamente identificado cun estilo musical coma este profeta rastafari xamaicano. Falar de reggae é pensar en Marley e falar de Marley é pensar en reggae. Probablemente, xunto con Jim Morrison e o Che, sexa unha das personaxes cuxa imaxe e personalidade pasa de xeración en xeración sen que o tempo lle pase factura.

Janis Joplin: Dotada dunha espectacular voz foi considerada unha muller forte e radical; unha icona de rebeldía entre as mulleres dos anos 60 e, ao mesmo tempo, a primeira muller que foi considerada de maneira unánime como unha estrela do Rock & Roll. Morreu de sobredose cando tiña tan só 27 anos.

Jim Morrison: A morte en estrañas circunstancias deste poeta e líder absoluto dos míticos The Doors en xullo do 71 á idade de 27 anos desencadeou que sexa considerado coma un dos artistas máis coñecidos (e recoñecidos) entre o público de varias xeracións. Aínda que a súa carreira musical non durou máis de seis anos, a súa marcada personalidade e talento fai que a súa tumba no cemiterio Père-Lachaise de Paris sexa un lugar de peregrinación para os seus fans.


Freddie Mercury: Considerado coma un dos mellores vocalistas da historia do rock, a morte do líder da banda británica Queen en novembro de 1991 causou un forte impacto dentro do mundo da música. Para aclarar numerosos rumores e informacións que indicaban que o artista padecía SIDA, foi o propio cantante o que, meses antes de morrer, confirmaba a desgraciada nova.

John Lennon: Decembro de 1980. O compositor e líder dos Beatles (sen dúbida, a banda máis influínte na música dos anos 60) é asasinado nunha rúa de Nova Iorque por un fanático seguidor do músico. Precisamente un dos símbolos do movemento pacifista morre de forma violenta. Comenza o mito.
1 comentario:
A verdade é que a maioría destes músicos tiveron mortes extrañas e por iso son moi recordados, aparte e pola sua música claro.
Publicar un comentario