Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/06/09

Moda Galega

Traemos a reflexión dunha alumna, Lucía Domínguez, despois da lectura deste libro:

Moda Galega
María Reimóndez
Edicións Positivas


Este libro levoume a facer unha gran reflexión acerca de min mesma e da sociedade en xeral. Unha sociedade dominada polo consumo e na que estar á última moda e aparentar semella ser o esencial.
Por medio da poesía a autora fai unha crítica desta sociedade e amosa a súa desconformidade. Cada poema está inspirado nunha tenda de roupa da que se fala con ironía e sarcasmo.
Volvendo ao dito anteriormente, a miña reflexión, comparto a opinión da autora na maioría das súas críticas e ao mesmo tempo síntome identificada co prototipo de mulleres descritas por ela e ás cales critica. Un prototipo de muller que se deixa levar polas masas e as aparencias, polo concepto de beleza establecido na sociedade e polo consumo atroz. Paréceme triste encaixar nese prototipo, pero o que realmente me preocupa é a hipocresía que me domina, xa que a pesar de estar de acordo coas críticas da autora, teño a seguranza de que seguirei sendo partícipe do "prototipo" establecido.
Pareceume un libro moi interesante e recoméndollo a todo aquel que queira replantexar o seu modo de vida.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.