Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/06/09

Nada

Artigo de Rosa Aneiros no "Diario de Galicia":

Non entendo como unha enquisa a pais e nais no ámbito educativo que provoca un rexeitamento case unánime de sindicatos, universidades, psicólogos, directores, equipas de normalización lingüística, pedagogos, e anpas de centros públicos é levada a cabo turronamente en aras dunha suposta libre opción. Non entendo por que se enarbora con tanta frivolidade a bandeira da liberdade cando esta só está garantida cando existe coñecemento. Por que, no despropósito pedagóxico de consultar a proxenitores sobre o currículo educativo, non inclúen tamén a física ou a xeografía?

Non entendo por que non se fala de datos nin se pregunta aos técnicos. Non entendo por que se cuestiona o alumnado galego cando, segundo diversos estudos oficiais, amosa un maior nivel de competencia en lingua castelá e inglesa ca noutras comunidades. Non entendo como, a estas alturas, aínda nos sobrevoa a sombra da segregación nas aulas. Non entendo como hai quen pensa que restar é mellor que sumar. E moito menos a grande irresponsabilidade social e política de quen bota pola borda o traballo de décadas de profesionais -estes si- alimentando vellos prexuízos lingüísticos. Non entendo, en definitiva, que rédito electoral pretende obter quen, no canto de pontes, ergue muros.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.