Semblanza Alonso Ríos.
Antón Hipólito Alonso Ríos nace no lugar de Camporrapado, parroquia de Cortegada (Silleda), o 15 de agosto de 1887. De moi novo emigra á Arxentina onde traballa como representante de comercio e mestre; alén disto, entra en contacto co mundo societario e eríxese en fundador da Sociedad Hijos de Silleda, creando escolas laicas no Trasdeza, e a Federación de Sociedades Agrarias y Culturales. En 1931 é enviado por esta mesma Federación de Sociedades Gallegas como representante da emigración na recén instaurada IIª República en España para participar na Asemblea do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía, da que sairá como Presidente. Como tamén saiu Presidente dunha Xunta Revolucionaria que tivo lugar en Compostela no verán de 1931. Vivirá en Tomiño, a traballar como mestre e defender os intereses do mundo agrario. Nesta mesma etapa, acrecéntase definitivamente a súa conciencia galeguista, forma parte do Partido Galeguista e traballa arreo na Campaña Pro Estatuto. En 1936 é electo Deputado agrario ás Cortes da República na gañadora Frente Popular. Mais coa sublevación fascista é represaliado, perseguido, polo que foxe a través dos montes galegos durante algo máis de dous anos, até que consegue pasar a Portugal e de aí a Marrocos, para definitivamente embarcar cara á Arxentina. Xa desde 1939, en Bos Aires, dedícase a colaborar en prensa, escribir o seu prolífico ideario, destacando entre outras publicacións, Co pensamento na Patria Galega (1942), fundar a Irmandade Galega e o Consello da Galiza en 1944, do que foi secretario xeral, e Castelao, Presidente, Á morte deste último no ano cincuenta, Antón ocupa as primeiras funcións do Consello, mais magóao enormemente, e conxuntamente coa de Ombú, o seu fillo máis novo, lévao a caer nunha espantosa amargura que o abocaría ao suicidio en Bos Aires, o día 12 de outubro de 1980.
Sen comentarios
Publicar un comentario