Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/06/09

Valoración das enquisas

Reflexión da Coordinadora Galega de ENDL

A enquisa que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pensa distribuír esta mesma semana entre as familias a través dos centros educativos é pouco rigorosa e mostra un grande descoñecemento tanto da sociolingüística coma do mundo do ensino.
Por poñer un exemplo, non existen materias troncais no ensino non universitario, esta é unha
terminoloxía do ensino universitario. Polo tanto, o señor Conselleiro debería saber que o que hai son materiais obrigatorias e optativas, propias de modalidade ou non. É así que non vén a conto empregar o termo “troncais” porque non hai unhas materias máis importantes ca outras, todas teñen unha misión educativa global.
Centrándonos na cuestión da análise sociolingüística, nunha breve análise podemos observar:
1. En que documento, lexislación, tratado, artigo ou normativa aparece recollido o dereito a escolleren os pais a lingua da docencia dos fillos? Porque si existen moitos outros dereitos que as persoas, na maior parte dos casos, non poden exercer, por exemplo o dereito a seren atendidas en galego na Xunta de Galicia cando o soliciten.
2. Estase preguntando sobre un dereito, “o dereito de coñecer o galego”, fallando na metodoloxía, porque tal e como están presentadas as preguntas non fai falta ser moi experto para darse conta de que o que se extraia de aí non pode valer para moito e menos para facer un novo decreto. Por que? Nas opcións de resposta vemos:
· “todo en galego” que non se refire a todo o ensino en galego, senón a todas as materias, que na enquisa se denomina troncais, en galego.
· “a maioría en galego” (que é a maioría?: o 52% ou o 95%?), · “unhas en galego e outras en castelán”, a xente pode pensar que esta é a mellor resposta porque indicaría o 50% e iso non é certo. Se queremos que o 50% do ensino estea en galego hai que contestar “todas en galego” que é o que marca o actual decreto.
3. Tampouco é fiable xa que non presenta as mínimas garantías de calquera consulta para que os resultados sexan cribles. O universo da investigación parece que vai ser todo, pero, como o van garantir?
· A cantos pais lles vai chegar? Nestas alturas de curso, como van facer para que o alumnado entregue na casa a enquisa e a traia de volta no prazo duns días. Ademais, como van asegurar que a enquisa a van contestar os pais que deban facelo?
· Cantos pais van contestar? Os concienciados dunha ou doutra banda, pero vai ser fiable se só contesta un 10% e esa porcentaxe está nutrida maioritariamente por pais das urbes, por exemplo.
Para ter algunha fiabilidade debería haber unha mostra estratificada que cubra a diversidade sociolingüística da sociedade.
· Déixase a distribución e recolla en mans de direccións que no final de curso están sobrecargadas de traballo.
· Pregúntase aos pais con fillos escolarizados en xuño de 2009 mais non aos que van entrar no sistema en setembro. Contestan os pais que tiveron fillos neste curso que vai rematar dos que parte non van estar escolarizados no vindeiro curso? Por que non se lles pregunta aos pais que van escolarizar rapaces para o vindeiro curso?
4. Pretenden facer un referéndum? Para iso habería que facer outras preguntas e formulalas de modo diferente. O que se cadra era interesante preguntar era se os pais consideraban importante que os seus fillos/as ao rematar o ensino obrigatorio fosen competentes nas dúas linguas oficiais en Galicia, con dúas opcións de resposta: Si ou Non .
5. Non houbo unha campaña de información rigorosa previa. Non se deu. Prevalece a propaganda mediática que tivo e ten intencións políticas máis ca educativas. Non se lles pode mandar aos pais que contesten unha enquisa con tantas “eivas” nun momento de “marexada” informativa, cando ademais falamos dunha poboación que está chea de prexuízos cara ao galego derivados en moitos casos da represión lingüística que sufriu o galego ata os anos 80.
Para rematar: fará a Consellaría máis enquisas sobre temas fundamentais como a ratio de alumnos/as por grupo, a necesidade de persoal de apoio nas aulas ou pola seguridade nos autobuses? E se pregunta sobre o gasto en biblioteca por centro ou o financiamento dos comedores escolares?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.