Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/06/09

Zoommm Textos biónicos

De complicada lectura este poemario de Estíbaliz Espinosa, Zoommm Textos biónicos, editado por Xerais. Uns poemas artisticamente híbridos na súa dialéctica e no propio discurso, aplicando a oposición entre humano e mecánico, ou o que é semellante, entre real e virtual. E fuxindo do sentimentalismo.
En palabras da autora:
“Hai moito interese nos ámbitos artísticos en poñer énfase na idea de creatividade, de acto de creación como algo case máxico, como se tentasemos equipararnos á divindade… En realidade, a creación é plaxio. A literatura é constante hipertexto… E isto faise evidente en internet: colles retallos doutra xente… Creamos con material que crearon outros…”; “O meu interese polo ser humano como autómata xorde dun caldo de influencias: a ciencia ficción, a filosofía, a cosmoloxía, a neurociencia… E o feito de terme posto a escribir en internet…”; “Todo testemuño parte dun eu subxectivo. Pero non sabemos o que é o eu… Interesábame tomar distancia: situándome no futuro, –que pensarán de nós no futuro– e o pasado remoto: o neanderthal, o que puidemos ser e non fomos… Adoptar unha perspectiva deshumanizada para entender o humano: miralo desde o cosmos…”.

non sigas lendo. isto é unha trampa.
non vou dicirche que faría canto quixeras

e estamos incriminados nela, ti e mais eu
non vou dicirche que quizais non

e debes seguirme punto por punto ata o final
non vou dicirche que enterrei todas as palabras...


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.