Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/07/09

Co médico

Publicado na Voz de Galicia:

A voltas co exame de galego nas oposicións do Sergas, un futurible médico apuntaba que se botaba de menos que o exame fose algo máis práctico e atendese ao que «realmente se escoita nas consultas nas que -especificaba- a xente di cousas moi raras e chámalle a case todo o que non é». Esas rarezas abranguen multiplicidade de disparates, de traducións imposibles e de bilingüismos nada harmónicos, pero sobre todo de incapacidade dos mesmos por adaptarse á situación lingüística. Porque hai que engadir á ignorancia habitual de quen non manexan os termos médicos (entre os que abundan os plis-plas [bypass], escais [escáneres], hematrocristos [hematócritos], etcétera) un bo feixe de situacións surrealistas na particular relación galego, médico, paciente. Como esa que me contaba unha amiga enfermeira que presenciou dun doutor que, a piques de rebentarlle a gorxa, ía subindo o ton de voz a medida que o vello enfermo non lle entendía o seu interese en forma de «¿Vostede con quen viño?, ¿Vostede con quen viño?», ao que o señoriño contestaba indignado: «Viño non, viño non tomo, viño non tomo, que é malo para o fígado». «¡Que con quen viño!», insistía irritado o médico ata que a enfermeira interveu: «Dígalle ao doutor con que veu», «Si, claro, coa miña filla que está fóra».

Desas hai a esgalla, como aqueloutro doutor leonés que sufría, en urxencias, ante as explicacións dunha nai que lle ía relatando con detalle que o seu neno levaba toda a noite «moi roncha, moi roncha» e só quería «colo, colo e colo». «Dígame, señora, ¿por dónde dice que le ha visto usted las ronchas al niño?». Logo está ese bo colectivo de médicos enrollaos que nun grande esforzo por usar o galego pensan que cun só termo no idioma propio [por moi escura que sexa a expresión] o paciente galegofalante comprenderá a mensaxe e quedará satisfeito do bo trato: «Hola, soy el doctor fulanito y voy a explorarle, por favor, desabróchese la camisa [coloca o fonendo no peito], cuando yo le diga, por favor, alente fuerte, alente fuerte». Nada disto é alleo aos hospitais galegos, nos que se contan por miles os casos dignos de libro e onde día a día se amplía o anecdotario, en especial nas consultas de xinecoloxía, nas que aos eufemismos habituais súmase o eufemístico uso do galego. «Dígame, por favor, ¿dónde dice que tiene picor?», e a señora, cunha infeliz metáfora, respondeulle sumisa: «No pracer do meu marido». Un clásico.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.