Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/07/09

Enquisas: resultados

Anxo Lorenzo, só, presentou os resultados das enquisas, para rematar coas seguintes palabras: "a enquisa reafirma o carácter bilingüe da sociedade galega". Bilingüismo, que non monolingüismo en castelán, como pretenden os mal chamados bilingües. Despois de tanto despropósito que tivemos que aturar estes meses, o último día antes das vacacións "oficiais", aproveitando que no ensino estamos a medio gas, ás présas e sen discusións, valoran uns resultados maioritarios dos centros privados. A saber por que.
Consultade aquí ou aquí as porcentaxes dadas.
E aquí, aquí, e aquí, diferentes valoracións.
Non deben, aínda así, andar moi contentos cos resultados, porque se fose doutro xeito, armarían máis barullo. A pesar de que todo o proceso foi unha auténtica vergoña, a opción de defender o galego non queda tan mal como temiamos. Pero a derogación do Decreto é un empeño deste novo goberno que levarán a cabo por riba do que sexa. Ata do sentido común.

1 comentario:

migramundo dixo...

Francamente, xa non me sorprende nada. É curioso como puideron sacar adiante a enquisa sen apenas oposición entre a poboación, xa non digamos na oposición política, na prensa, etc.
Pregúntome se a Galicia real é a que se acocha nos centros privados, nos que houbo maior porcentaxe de votantes, ou nos públicos, onde a maioría preferíu non votar para non seguirlles o xogo.
De todos os xeitos, a pervivencia da lingua non é cousa dos políticos, senón dos falantes. Iso é o que hai que crear: falantes.
Grazas pola túa visita e o teu comentario sobre as fragas do Eume. Apertas.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.