Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/07/09

Las hermanas Grimes

A lectura de Las hermanas Grimes de Richard Yates deixa un pouso de tristura na alma e a soidade da muller, e da sociedade, voando na habitación da lectura. O autor amosa unha gran capacidade -tanto neste libro coma no outro que lin del, Vía Revolucionaria- para describir os sentimentos, o paso do tempo, a frustración... Porque nunha novela máis ben curta, o autor condensa todo isto e moito máis, simbolizado sobre todo na vida dunha das protagonistas, pero facendo pasar pola novela unha serie de personaxes que simbolizarán a traxedia cotiá da vida e a busca infructuosa da felicidade, e quizais tamén da perfección... unha perfección inexistente que fará que a vida, a mirada, a andaina, erren unha e outra vez, ata case cegar o que en realidade importa. Porque o problema é entender a vida, aceptala, camiñar mesmo ao seu ritmo, e non tentar impór un propio e diferente que, ao fin e ao cabo, non te levará a esa felicidade desexada, buscada, e mil veces perdida.
E de fondo, o paso inexorable do tempo, a morte, a rudeza do comportamento humano.
E todo o tempo, unha tristura melancólica que nos asolaga.
Que cal das dúas obras me gustou máis? Creo que esta, sen telo demasiado claro. O que si teño claro é que hai que ler a Richard Yates.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.