Os libros non son un produto estacional puro -"eu no verán non é que lea máis ca no inverno", convén o actor Ernesto Chao-, pero así como aumenta a contratación na hostelería, tamén sobe no estío a porcentaxe de poboación lectora. Buscando libros para as vacacións, este xornal consultou a traballadores e profesionais de diferentes ámbitos da cultura para pedirlles novidades en galego. Por entre o novo cóanse clásicos -de Pessoa a Novoneyra-, seleccións exquisitas, libros apaixonados -Xocas López esixe incluír Historia triste, a biografía de Eskorbuto- e obrigas laborais. Os títulos frescos, de Patricia A. Janeiro a Chus Pato, repítense.
- Abe Rábade, músico. O pianista e compositor santiagués, que ultima co produtor portugués Mário Barreiros o proxecto Kind steps, unha produción que homenaxea os grandes discos da historia do jazz, propón Secesión, o último de Chus Pato, e A perspectiva dende a porta, de Patricia A. Janeiro, finalista do Premio Xerais 2007, recén publicado. "Aquel libro foi un pouco polémico", di Rábade (Santiago, 1977), en referencia ao fío narrativo que une a situación política de 1976 coa Operación Castiñeira. Outro dos libros que conta debullar pronto -"estouno buscando"- é A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras, de Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello.
- Alberto Lema, novelista e poeta. O vimiancés está ocupado arestora con Las primas, a novela que a arxentina Aurora Venturini deposita na boca dunha moza con retraso, ao xeito de Faulkner n'O ruído e a furia. Pero aínda pensa rescatar Grupo abeliano e Ser ou non, as novelas de Xosé Cid Cabido e Xurxo Borrazás, entre os seus novelistas de referencia. "Interésame moito esa maneira de escribir onde non hai un narrador responsable", di Lema (Vimianzo, 1975). Falando de poesía, o autor de Plan de fuga acode a m-Talá, da ourensá Chus Pato, "un libro revelador, imposible de clausurar".
- Alfonso Mato, historiador. Para o verán, contos e ensaios. As recomendacións de Alfonso Mato, ex documentalista do Instituto Galego da Información -unha das súas últimas encomendas foi a coordinación de Ánxel Casal, un editor para un país-, son
Ferrín e outras historias e Galicia borrosa, as achegas do psiquiatra ourensán Santiago Lamas. Falando de literatura, un clásico da separación: Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín. "Porque eu tamén son arraiano e porque a Ferrín cómpre volver sempre", resume.
- Alfonso Rodríguez, poeta. O autor ourensán non xustifica a súa escolla de libros actuais, anque non exactamente recentes. dz ou o libro de esperma, de Samuel Solleiro; Ortigas, de Xiana Arias, e o debú de Raida Rodríguez, Máquina de guerra, son as súas suxerencias para tornar a raxeira. Rodríguez (Ourense, 1973), que vén de publicar Azúcar glass, cinco anos despois do seu debú literario (Subir ao faiado), é un dos impulsores da web expoplanetarium.net e do colectivo libertario Ren de Ren. O seu último monográfico, A civilización enferma, xa está na rúa.
- Ana Salgado, coordinadora de Protexta.
Para a crítica Ana Salgado (O Irixo, 1974), á fronte do único suplemento de libros de Galicia, Secesión, o primeiro volume non estritamente adscrito ao xénero poesía de Chus Pato, "coloca o discurso literario no pensamento da esquerda crítica e autoconsciente". Salgado rescata Sidecar, as dúas nouvelles de Alberto Lema que supoñen a reválida d'Unha puta percorre Europa: "Sidecar é un dos libros máis divertidos da literatura galega dende os relatos de dz ou o libro do esperma
que reflexiona dende unha posición de clase sobre as relacións sentimentais e demostra que entretemento e ideoloxía emancipadora non son incompatíbeis na narrativa". Caderno de Animalista, unha reflexión sobre as vangardas con debuxos de Maurizio Quarello e textos do poeta sarriao Antón Fortes, con formato de álbum ilustrado, supón a súa última recomendación.
- Belén Regueira, xornalista. A directoria de Extrarradio, o magazine cultural de fin de semana da Radio Galega, recomenda por entre as divisións xenéricas. O ensaio é O dereito á preguiza, de Paul Lafargue, traducido en Positivas: "Habería que regalarllo aos asistentes á reunión do G-8, para que o teñan en conta se algún día deciden refundar o capitalismo". A "autoaxuda" está n'As leis fundamentais da estupidez humana, do economista italiano Carlo M. Cipolla. "Divide os seres humanos en catro clases: incautos, intelixentes, malvados e estúpidos, que son os máis perigosos. A ver se volvemos das vacacións vacinados contra a imbecilidade, que falta fai en todas as casas". Unha cota de novela negra atópaa n'A praia dos afogados, de Domingo Villar. Regueira (A Coruña, 1977) láiase de que o supervendas Stieg Larsson non estea verquido ao galego, "pero este supervendas escribe en vernáculo". Como derradeiro xénero para o verán, acaba prescribindo "un tocho". Residente privilexiada, as memorias de María Casares
: "500 páxinas de prosa vehemente e desinhibida que son á vez un paseo pola historia do século XX, unha apoloxía do teatro, un manual de educación sentimental e unha investigación sobre os misterios sen resolver da condición humana".
- Carlos Callón, presidente da Mesa. O actual responsable da Mesa pola Normalización Lingüística está lendo arestora a Machado de Assis, iniciador da modernidade literaria no Brasil. A novela Dom Casmurro, en concreto, na que observa "semellanzas co Sábato d'O túnel pola historia de obsesión e ciumes". Na mesa de noite aínda ten pendentes de ler a novela O soño da febre e a reportaxe Fin de século en Palestina, as dúas do lugués Miguel-Anxo Murado.
- Comba Campoy, actriz. Os poemas de Libro de Alicia, a cuarta incursión editorial de Olalla Cociña, "facilitan o camiño para iniciar un regreso á infancia". E, para Comba Campoy (Santiago, 1979), "este é un intre ben axeitado para volver á infancia". Pero Campoy declárase, sobre todo, unha lectora do xénero ensaístico. "Paréceme interesante recuperar a figura de Celestino Fernández de la Vega". A actriz receita, neste verán, a reedición do clásico por excelencia de De la Vega O segredo do humor. Os textos recompilados en Ensaios a proba do tempo é a outra achega de quen alcumaban O Cilistro a 23 anos da súa morte.
- Dolores Vilavedra, crítica. No capítulo de narrativa, a crítica viguesa recomenda Montelouro, de Luís Rei Núñez, "para a xente que gusta das novelas de longo alento", coa engádega d'A perspectiva dende a porta, de Patricia A. Janeiro. No apartado poético, a súa proposta é a antoloxía de poetas da Costa da Morte, coordinada por Miro Villar e Modesto Fraga, De Pondal ao Batallón Literario. A obra preséntase o 11 de xullo.
- Ernesto Chao, actor. "Eu no verán non é que lea máis ca no inverno", apón de entrada o actor ribadaviense, presidente da asociación de compañías Escena Galega. Chao (Ribadavia, 1943) confesa estar collido polo sueco Stieg Larsson -a triloxía Millennium-, pero a obra pendente que ten na cabeza é A corpo aberto. Unha ollada 'indie' do local universal, a última compilación xornalística de Manuel Rivas. Para a súa compañía, Lagarta Lagarta, terá que remoer O segredo dos Hoffman, adaptación de Roberto Salgueiro sobre a novela de Alejandro Palomas.
- Francisco Sampedro, ensaísta. Cando o filósofo comunista francés George Labica enviou, en xaneiro, un texto para A Trabe de Ouro, na redacción da revista non imaxinaban que ese ensaio derivaría en escrito póstumo. Labica morreu en febreiro deste ano. A publicación bota agora o seu número 78, que inclúe as páxinas de Labica e, entre outros contidos, artigos sobre Ramón Piñeiro do seu director, Xosé Luís Méndez Ferrín, ou do académico e especialista no exilio Xosé Luís Axeitos. É unha das lecturas que recomenda Francisco Sampedro (A Coruña, 1956), o ensaísta autor d'A violencia excedente. "O último de Chus Pato
[Secesión] e, por volver a Uxío Novoneyra e enlazalo con Piñeiro, por aquilo das Letras, o especial que lle dedicara Escrita, a publicación da Asociación de Escritores, Novoneyra. A emoción da terra", engade. Sampedro tamén recorre ao Ferrín, pero desta volta ao poeta: Era na selva de Esm, "se cadra o seu libro menos coñecido [recolle poemas soltos ou de tiraxe reducida] e con todo igualmente soberbio".
- Marcos Lorenzo, antropólogo e xestor cultural. O autor de Liquidación de existencias recomenda poesía. Ao primeiro, calquera libro do ceense Estevo Creus, que el risca como "a voz máis notable da poesía galega actual". Logo pensa un e acaba decidíndose por Teoría do lugar. A maiores, unha estancia recente en Medellín sérvelle para rescatar os cuestionarios poéticos que publicara Emilio Araúxo en 2001: Do lado dos ollos. Entrevista con 79 poetas do mundo. Segue con Do Courel a Compostela, aproveitando que o Día das Letras se lle adica a Novoneyra, e aínda recomenda, de Pessoa, Libro do desassossego, "un clásico a repasar dentro da literatura galega". "A novidade non é a miña primeira vía de adquisición de libros", recoñece.
- María Ruido, artista. A ourensá, autora de ensaios visuais como Plan Rosebud, visible na última programación do Centro Galego de Arte Contemporánea e premiado no Festival de Cine Independente de Nova York, propón Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995, de Lois Pereiro, e Secesión, de Chus Pato. Pensa nun ensaio e sáelle a versión galega d'Escritos corsarios, de Pasolini, entre as mellores misceláneas para analizar a morte civil da xeración do vogliamo tutto. Ruido (Ourense, 1967), radicada en Barcelona, ten agora en mente un proxecto sobre o contexto político e a educación sentimental, partindo un pouco da idea do documental de Pasolini Comizi d'amore
[Enquisa sobre o amor], un retrato da Italia dos 60 a partir da realidade afectiva. A artista ourensá, próxima aos grupos que traballan "co corpo repolitizado", aínda non sabe que forma terá, "pero ten que ver con Rosebud na relación entre momentos sociais de gais e lesbianas e momento político". A esa forma anoará a cuestión do aborto e a posición da Igrexa.
- Rebeca Baceiredo, ensaísta. Para a autora d'O suxeito posmoderno, "o mundo parece converterse estes días na casa de Playboy". Como antídoto, prescribe a lectura d'O segundo sexo de Simone de Beauvoir, tótem do feminismo de esquerdas cuxo primeiro volume apareceu en galego o pasado ano, seis décadas despois da súa estrea. Contra a obscenidade do espectáculo do capitalismo versión Berlusconi, a Baceiredo (Ourense, 1979) tamén lle prace A revoluçom pendente, un ensaio de Carlos Diegues, na rúa baixo licenza creative commons, pola abrogación do sexismo como condición de democracia. A novela Unha soidade demasiado ruidosa, do checo Bohumil Hrabal, matina, no esteiro de Kafka, no absurdo existencial do mundo burócrata. "Ou Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson", engade.
- Santiago Cortegoso, dramaturgo. O actor de Teatro de Ningures, que acaba de gañar o XIV Premio Rafael Dieste con 0,7% Molotov, recomenda os contos d?O tradutor cleptómano, do húngaro Dezso Kosztolányi. Prácelle tamén Delimvois, un dos últimos textos de Rubén Ruibal -o último, Onde andas, Karl?, debería saír no verán-. "Pero iso é porque lin o orixinal cando se representou no Centro Dramático Galego; o libro debería publicarse en setembro". Seguindo co teatro, engade Nachtmahr, de Raúl Dans -incluído n'Un mundo hostil, a compilación do teatro breve de Dans, publicada en 2008-, que o propio dramaturgo coruñés publicita, non sen ironía, coma "o máis escénico" dos seus textos. Santiago Cortegoso acaba de estrear Os cómicos dell'auto con Teatro de ningures, e no mes de outubro levará á Sala Triángulo de Madrid o seu texto Hámster.
- Xocas López, músico. O batería de The Homens, encargado de produción na distribuidora teatral Emedous, recomenda banda deseñada: o primeiro álbum individual de Manel Cráneo, Os lobos de Moeche, sobre as revoltas irmandiñas, e Cuaderno de tormentas, de David Rubín (a edición galega está por vir). López (Santiago, 1980) propón tamén Máquina de guerra, o debú poético da ourensá Raida Rodríguez, e non esquece unha filia musical dos 80: Eskorbuto. A lenda do grupo de Santurtzi fixouna Diego Cerdán en Historia triste.
Sen comentarios
Publicar un comentario