Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/07/09

Os curas co galego

O Foro de Curas Galegos acaba de redactar o Manifesto polo galego na Igrexa, co que se une, segundo indica, "ás manifestacións da sociedade galega a prol do uso normal da súa lingua identitaria".

Este grupo de sacerdotes do país -que non se identifican- apoia deste xeito o Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego, que foi presentado o ano pasado por personalidades da cultura galega como Xosé Luís Méndez Ferrín, Avelino Pousa Antelo, Manuel Rivas ou César Portela. Este texto representa, ao seu ver, que "o pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia orixinaria sexa oficial para todos os efectos no seu ámbito territorial, e que os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu". "Sabemos que a situación do galego "está moi lonxe de ser así", como alí se indicaba", engaden.

Este diagnóstico é tamén "real para unha Igrexa en Galiza, que se resiste a ser galega". Lembrando as palabras do bispo Araúxo -"a Igrexa galega ten unha débeda e un pecado histórico con respecto ó noso pobo: esquecer a nosa lingua e a nosa cultura"- coidan que este é un "pecado histórico endémico, pois a Igrexa ten sido un dos elementos máis desgaleguizadores da historia galega".

"Actualmente, a pesar da reticencia ao galego dalgúns xerarcas e de moitos cristiáns e cristiás que enchen as igrexas galegas cada domingo, nós estamos convencidos de que "os peixes vivos nadan sempre contra corrente", como di a sabedoría popular; son os peixes mortos os que se deixan levar pola corrente, e nos sentímonos ben vivos aínda", remarcan no seu texto.

Segundo destacan, "o pobo galego, que ten unha lingua de seu, debe non só conservala e coidala coma un tesouro, senón vivila, inzala; porque a lingua é sempre, privilexiadamente, a esencia dunha cultura, non un puro apéndice utilitario". Coidan que para Galicia "é máis grave destruír a lingua galega ca derrubar a benquerida catedral de Santiago. Estamos convencidos de que Galiza só pode medrar realmente galeguizándose, defendendo pacificamente a súa lingua e identidade propia sen pecharse ao mundo. Neste convencemento, cremos que tamén a Igrexa Galega debe facer esta aposta; se quere ser realmente galega e non un enclave colonial, cremos que é imprescindible que fale galego, que proclame o Evanxeo, que rece e celebre a fe en galego. Desgraciadamente, aínda que hoxe hai menos reticencia na Igrexa ao uso do galego, non hai unha aposta real por el", sinalan.

"A aposta dalgunhas publicacións, grupos e comunidades espalladas pola nosa Terra, seguimos sendo a proba de que, fronte ao imperialismo castelán uniformador de parte da Igrexa en Galiza, hai unha Igrexa galega que existe e resiste. E desde esa identidade unímonos a outras igrexas nacionais na Iberia e por todo o mundo, coas súas peculiaridades culturais e étnicas", din.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.