Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/08/09

Acúsome seriamente

Subscribo todo o que di Alfonso Álvarez Cáccamo no Faro de Vigo hoxe, aínda que eu non podo pedir a xubilación anticipada...

Acúsome gravemente, con todas as probas na miña contra, de defender públicamente o idioma galego no meu centro de ensino, o CPI de Panxón no que levo dando clases 33 anos. Acúsome, e podo demostralo con fotografías e outros documentos, de facerlle pedorretas á Lei que nos impide facer comentarios verbo desa manipuladora enquisa aos pais/nais. Acúsome de fotocopiar e ampliar o excelente artigo de Harguindey publicado no Faro de Vigo, titulado "Que boíños!" e de colgalo nun taboleiro informativo na entrada do meu centro educativo. Acúsome de espallar o tríptico "As lenguas su+man" da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. Acúsome –e podo demostralo– de poñer unha faciana tristeira e trascendente cando falo dos traidores á Lingua Galega. Acúsome de opinar diante dun grupo numeroso de xente que xamais maxinei que Fraga poidese ser superado por outro reaccionario, dada a implicación probada que Fraga tivo dentro dun réxime fascista. Acúsome de ser inxel ao crer que o nomeamento do director de política lingüística, cuxo nome prefiro obviar, podería traer racionalidade dentro da víscera e a persecución contra a nosa Lingua. Acúsome de non ser capaz de apagar a radio cando este indivíduo, modelo da retórica falaz, non dá resposta concreta a nada do que se lle pregunta. Acúsome de non colaborar en nada con esta enquisa verduleira e de tentar, con todas as miñas forzas, desacreditala. Non me acuso de non poder ver nin en pintura a Gloria Lago, representación personificada do odio ao idioma galego e, polo tanto, do autoodio por moito que tente disimular os seus argumentos falaces amparádose no nome (¡tan luído!) da democracia. Non me gusta que lle pinten no coche ou que se metan con ela en Internet, sobre todo porque cómpre facer cousas máis interesantes que gastar o tempo contra un personaxe decimonónico. Feito este breve prego de cargos do que me autoinculpo, e do que podo aportar probas, non me queda outra opción que solicitar ás autoridades educativas que teñan a ben tomarme en serio, a min e a todos/as ensinantes que rexeitamos a hipocresía desa enquisa trapalleira, manipuladora e antigalega, porque a gran maioría dos ensinantes amamos á nosa Lingua. Solicito, tamén, que no canto dun posible expediente pola miña autoinculpación, teñan a ben concederme a xubilación anticipada, que ben a merezo. Que Deus garde a vostedes moitos anos (afastados da Política). Así sexa.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Supoño que foi un despiste. Pos o autor do artigo pero non a ubicación. Aquí se pode ler:

http://www.xornal.com/opinions/2009/07/31/Opinion/galego-segue-ser-popular/2009073120024155294.html

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.