Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/08/09

Das peores falacias

En Galicia Hoxe:


O negacionismo da represión lingüística sufrida polos galegos ao longo da historia é unha das estratexias que os sectores sociais e políticos defensores da hexemonía social do castelán están a recuperar para atacar o movemento normalizador. O polémico artigo de Andrés Freire, filólogo e un dos creadores de Tan gallego como el gallego publicado hai uns meses pola FAES é só un exemplo disto.

Galicia Bilingüe recoñece porén que os galegofalantes sufriron "agravios" no pasado, aínda que mantén na súa web como libro recomendado La normalización lingüística, una anormalidad democrática. El caso gallego, de Manuel Jardón, outro bo exemplo de negacionismo, que serviu moito no seu día para sustentar o discurso da Asociación Gallega por la Libertad del Idioma (AGLI).

Jardón, que non era filólogo, asegura que o a sociedade galega se inseriu "espontaneamente" no castelán seguindo a "marcha normal dos acontecementos históricos" que foron convertendo o castelán na lingua asociada ao prestixio e o ascenso social. A "vitalidade" e "superioridade" do castelán xustifica, ademais, ao seu ver, este proceso, no que o galego se mantivo, segundo el, polo "atraso" do campesiñado e a presión do nacionalismo, entre outros factores.

A idea dunha presunta "natural superioridade" do castelán non é nova, porén. E asenta as súas raíces moito antes das últimas décadas: promoveuna o nacionalismo español de primeiros do século XX: a Escola Filolóxica de Madrid de Menéndez Pidal...

O filólogo e profesor Henrique Monteagudo axuda no seu libro Historia social da lingua galega (Galaxia, 1999), a contestar os enfoques anteriores. Segundo comenta, os filólogos e historiadores de tradición nacional española tenden a interpretar a expansión do castelán como resultado do seu maior prestixio cultural e literario, mentres que os de tradición nacional da periferia salientan o factor da dominación sociopolítica de Castela e a imposición -imperialismo...-. Monteagudo cre que a primeira perspectiva entraña parte de verdade, pero se se sitúa no contexto dos argumentos da segunda: o prestixio do castelán procede de ser de facto a lingua do Estado, non dunha suposta e indemostrable superioridade...

O nacionalismo galego subliña na súa análise o centralismo, o intento de uniformización cultural e opresión que os datos verifican e que a filóloga María Pilar Freitas explica no seu libro A represión lingüística en Galicia, (Xerais, 2008).

A lexislación é un dos ámbitos que mellor evidencian esta represión. E a da ditadura franquista -que os negacionistas tenden a esquecer- representa só unha fase dun proceso que viña de antes. Os exemplos son múltiples. O rei Alfonso XIII asinou no 1902 un decreto que obrigaba todos os mestres a impartir as aulas en castelán -o obxectivo destas leis era acabar coa expansión do catalán-.

No 1923, xa na ditadura de Primo de Rivera, outro decreto prohibe utilizar idiomas distintos do castelán nos actos oficiais. No mesmo ano, unha real orde prohibe o ensino dos "dialectos o lenguas regionales" nos "establecimientos docentes oficiales", e un mes despois do golpe de Estado a Dirección General de Enseñanza xa dirixira unha circular a tódolos gobernadores provinciais de Cataluña para que os mestres preparasen os nenos para que en tres anos estivesen en condicións de recibir todo o ensino en castelán. No 1925 unha real orde prohibiu nas escolas os libros que non estivesen redactados en castelán.

A lexislación represiva foi en aumento na primeira etapa do franquismo. Unha orde do 1940 prohibiu os rótulos ou anuncios que non estivesen en castelán. No mesmo ano unha orde ameazou os funcionarios coa destitución se non usaban o castelán. No 1944 un regulamento do notariado establece que os instrumentos públicos deben redactarse en "español".

No 1957 un proxecto de lei indica que no rexistro civil só deben inscribirse nomes en castelán. A propaganda incidía tamén na idea do monolingüismo en castelán e a asociación do galego co atraso e a incultura -é famoso o "No sea usted bárbaro. Hable castellano"-. O galego era atacado desde a prensa, como o eran as persoas que o defendían: cando Manuel Murguía era presidente da Real Academia Galega foi acusado de "separatista".

Nos 70 a lei comezou a permitir o ensino do galego na escola e o seu uso na Administración, sempre de xeito subordinado ao castelán. O "decreto do bilingüismo" do 79 en teoría introducía o galego como materia obrigatoria en parte do ensino, pero na práctica levou á sanción de docentes como Xosefa Baamonde por dar aulas en galego.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.