Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/08/09

A deconstrución da galeguidade

Artigo de Montserrat Recalde hoxe no Xornal:

As reaccións á publicación dos resultados da enquisa aos pais non se fixeron esperar. Dadas as condicións de aplicación, a porcentaxe de abstención, e o desequilibrio mostral a favor do ensino privado e dos niveis de educación infantil e primaria, é probable que eses resultados non sexan nin representativos nin fiables. Usalos para reformar o marco normativo actual baixo o argumento de que non se axusta ás preferencias dos pais é, cando menos, discutible: esa reforma farase cunha abstención de máis do 61% no Ensino Secundario e do 67% na FP.

Dos resultados xorden datos para a reflexión. Certo é que os pais que optan polo monolingüismo son menos cós demais, pero non é menos certo que a opción preferida en primaria e secundaria foi “só castelán”. Fronte a isto, a selección do monolingüismo en galego é substancialmente menor. Despois de que o PPdeG gastase tantas enerxías tratando de convencer aos defensores do galego de que Galicia é unha comunidade bilingüe, resulta que a quen ten que convencer das bondades do bilingüismo é a ese 30% ou 40% de pais que, nese exercicio de liberdade tan aclamado polo goberno, afirmaron o seu desexo de que os seus fillos non aprendan galego. Porque diso se trata ao optar por esa opción de resposta.

Os galegos somos un pobo cheo de paradoxos. Podemos laiarnos da nosa ignorancia de idiomas como un déficit estrutural, á vez que xustificamos a ignorancia do idioma propio como unha demostración de libre albedrío. Sería interesante reflexionar sobre as razóns deste cálculo selectivo da ignorancia. É previsible que, dentro dun sistema de valores sociais materialista e pragmático, a sensación de que a porción de coñecemento identificada como “lingua galega” non reporta ningún beneficio social nin ningún capital cultural fai moi doada a decisión de renunciar a el. Nomeadamente cando, dende o goberno, a esixencia dese coñecemento se representa como un problema, como unha imposición, ou como un atranco para que os bos profesionais poidan exercer o seu labor en Galicia. Un discurso obstruínte, perfectamente coherente cunha política lingüística aparentemente dirixida á depreciación social e económica da lingua galega. A estratexia ben puidera ser a inversa: aumentar o valor do galego no mercado persuadindo aos bos profesionais de que saber idiomas (e o galego é un idioma, quero recordar), os fará aínda mellores, e aos pais dos nenos en idade escolar de que non sabelo será unha carencia cando teñan que expoñerse ao mercado laboral. Pero isto non interesa. Porque o importante desa enquisa non son os resultados, son os obxectivos. Parece concibida como parte dun proxecto máis amplo de descapitalización (simbólica e real) da lingua galega. O que á súa vez é un chanzo previo e necesario para a deconstrución do concepto de “galeguidade” segundo as directrices ideolóxicas do nacionalismo español. É dicir, baleirando de galego a “galeguidade”. Estamos gobernados por unha nova xeración de políticos que, sen as responsabilidades dos seus mentores na represión histórica do galeguismo, son insensibles á necesidade política de amosarse “Galegos coma ti”. Nin tan sequera galegos coma se amosou el. A súa actuación no campo cultural e identitario pretende lexitimar socialmente un novo concepto: “Gallegos como nosotros” (galegos sen saber galego). Para facer este concepto aceptable á opinión pública acompáñano da construción discursiva dunha realidade paralela coa que o españolismo neocon pretende gañar a batalla ideolóxica ás identidades periféricas (segregacionistas e desestabilizantes). Tan simple como eficaz. Pero xa postos, por que non deconstruír o concepto de españolidade? Que ninguén se ofenda: É España un estado plurilingüe? É o galego unha lingua propia de España? Pódese ser español sen saber español?





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.