Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/08/09

A Estremadura galega

De Manuel Miragaia o pasado día 6:

Hai só uns días tiven a oportunidade de realizar unha viaxe que levaba tempo desexando a esa terra tan curiosa e fascinante como é a da chamada, entre outras cousas, polo seu verde Estremadura galega. Situada na zona noroeste da provincia de Cáceres, arrodeada das montañas da Serra de Gata e lindeira con Portugal áchase a ricaz terra do Val do Xálima coas súas carballeiras e soutos, coas súas oliveiras e vides.

Na cunca do río Ellas localízanse tres concellos singulares denominados na súa propia fala: Valverdi du Fresnu, San Martín de Trevellu e As Ellas. Un conxunto de elevados cumios pertencentes ao Sistema Central, dos que sobresae cos seus 1.492 metros o pico Xálima, dificultaron as comunicacións terrestres, mantendo aillado durante séculos este val.

Durante a Idade Media esta terra foi repoboada principalmente con colonos galegos. O sorprendente é que despois de sete séculos aínda se manteñen tradicións semellantes ás galegas, estando afastados centos de quilómetros da Galiza administrativa, como as relativas á noite de San Xoán ou á dos magostos, aquí chamados borrallós.

Estas tres vilas contan cunha gastronomía, coa arquitectura popular dos chozos, semellantes ás nosas pallozas, cuns trebellos agrícolas e cunha toponimía que lembran ás galegas. Porén, o máis salientábel é a existencia da 'fala', utilizada por case a totalidade dos seus 5.000 habitantes, e que constitúe unha variante do galego-portugués medieval con algúns trazos asturianos.

A 'fala', substancialmente a mesma, recibe distintas denominacións nas tres localidades: 'valverdeiro' en Valverde, 'mañegu' en San Martín e 'lagarteiru' en As Ellas. Os habitantes deste val, sonado polo aceite ecolóxico de oliveira, están orgullosos da súa fala, utilizándoa acotío o 95% deles nas súas conversas. Aínda que non entrou nas escolas os pais e nais comunícanse por medio dela cos seus fillos. Os que están na emigración tamén a transmiten ás súas familias. Os amigábeis xalimegos ven a miúdo a televisión galega, preferindo as súas retransmisións futbolísticas.

Cóntase que moitos pasaban por galegos no servizo militar e que na emigración suíza se relacionan frecuentemente cos galegos nos seus centros. O filólogo e profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas e o mañegu Domingo Frades, membro correspondente da Real Academia Galega, levan anos estudando e traballando pola promoción da 'fala'. A Xunta de Estremadura declarouna Ben de Interese Cultural no 2001. Agora só falta que a recoñeza no seu Estatuto autonómico.

Paga a pena viaxar a este recuncho de Estremadura. Recomendo parar en San Martín de Trevello, por mor do seu conxunto magnífico de arquitectura popular, cos seus poios de cantaría na entrada das casas e o regatos polo medio das rúas. Casa Antolina, coas súas bonitas estancias e a amabilidade do seu persoal, constitúe unha excelente opción. Nestas terras lembraranlle ao galego que se achegue que eles usan máis a 'fala' que moitos galegos a súa lingua, e amabelmente aseguraranlle que tamén forma parte da súa 'xente'. O Val das Ellas podería ser un sanatorio excelente para curar a moitos galegos afectados de diglosia e da epidemia da galegofobia.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Teremos que aprender dos de fóra, que raro!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.