Non é posible acreditar con certeza nos resultados da “consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino” porque nin no deseño nin na recollida e procesado da información houbo as máis imprescindíbeis garantías; ningún gobernante “bananero” podería concibir unha consulta máis parcial e falta de garantías. Dito iso, os datos publicados inducirían a tirar algunhas conclusións provisionais. Primeira, os resultados non validan a pretensión do PP de segregar os estudantes en función do idioma nin tampouco a pretensión de meter a tesoira na actual presencia real –modesta– do galego nos diferentes niveis de ensino. Segunda, a participación (58,7%) reflicte que a pesares da presión e mobilización realizada polo PP e os medios de comunicación unha alta proporción de pais “pasaron” porque consideraron que a consulta non reunía as garantías apropiadas e a decisión estaba tomada de antemán ou ben non lles pareceu que a situación actual precisase mudar. Mesmo 4.000 responderon en branco ou anularon a papeleta como protesta. Terceira, resulta ben rechamante que a Consellería se negue a facer públicos datos detallados de participación porque todo fai indicar que a baixísima participación no ensino público permite un grande protagonismo da privada nos resultados, na que existen evidencias de votacións masivas “á búlgara”, directamente organizadas polos directores dos centros e nos que, salvo honrosas excepcións, a opción pro-español foi abafante. Algún día confirmarémolo. Cuarta, mesmo poñendo en cuarentena os datos, parecen albiscarse dous resultados significativos. Un, que existe unha minoría pro-español absolutamente excluínte e negadora de calquera espacio para o galego, é dicir, non bilingüe senón belixerantemente monolingüe; en cambio, do outro lado parece haber un espírito máis pro-coexistencialista. Este dato pon en solfa certo discurso que sitúa no lado galeguista un ánimo de imposición; o que a enquisa mostra é que ese ánimo existe xustamente do outro lado. Dous, os resultados da formación profesional, de ser certos, evidenciarían que no ensino público –a FP é case exclusivamente pública– e entre os sectores populares tende a predominar claramente a opción polo galego, só ou xunto co español, en tanto que a opción “só español” resulta neste caso moi minoritaria. Este feito viría a refrendar a idea de que o galego segue a ter unha forte raíz popular e que neses sectores existe maior identificación e estima polo idioma propio. Mágoa que certas partes das clases medias chegasen tan lonxe no desarraigo e se fixesen tan vulnerábeis á identificación de todo o alleo como superior, ate o punto de renegar e avergoñarse do que de propio e singular ten construído este pobo ao longo de séculos de historia. O labor dun Goberno galego, auténtico, que desempeñe as súas obrigas estatutarias e respecte a Carta Europea das Linguas, asinada por España, é mostrarlle a eses sectores que o éxito social non só non está reñido cos nosos sinais de identidade senón que é o mellor pasaporte para un mundo diverso.
Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
01/08/09
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Sen comentarios
Publicar un comentario