Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/08/09

Ulises from Bagdad

A nosa benquerida-esporádica-blogueira-aportadora-de-recomendacións-de-lectura, Rosa, mándanos unha última antes de marchar de vacacións. Trátase de Ulises from Bagdad.

Grazas, Rosa, unha vez máis (e que non sexa a última)

“Me llamo Saad Saad, que en árabe significa Esperanza, Esperanza y en inglés Triste, Triste”. Así é como se nos presenta o protagonista do último libro de Eric-Emmanuel Schmitt, Ulises from Bagdad. Nel cóntasenos coa delicadeza, a agudeza e a sensibilidade que xa nos mostrara o autor en O señor Ibrahim e as flores do Corán a particular odisea dun mozo iraquí desde que abandona o seu Irak natal, “liberado” xa por EEUU, ata que chega a Inglaterra. Trátase dunha odisea sen volta, só de ida, que se converte nunha profunda reflexión sobre o concepto da fronteira e a idea de exclusión que, irremisiblemente, conleva. Así o expresa un dos entrañables personaxes que aparecen na novela:

“En estos últimos siglos los europeos han estado un poco en todas partes, han fundado comercios un poco en todas partes, han robado un poco en todas partes, han excavado un poco en todas partes, han construido un poco en todas partes, se han reproducido un poco en todas partes, han hecho colonias un poco en todas partes… ¿y ahora se ofenden cuando alguien entra en su país?”

E a pesar da dureza do que se nos narra, hai espazo para o humor, a tenrura e mesmo para un pouco de esperanza. Só falta, daquela, que busquedes un pouco de tempo para a lectura.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.