Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/09/09

A carta dos ENL

Desde a Coordinadora dos ENL pídese que se mande unha carta similar a esta ao Conselleiro de Educación:

Sr. conselleiro de Educación:

Como coordinador/a do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do (nome do centro), e despois de ter recibido información por parte da Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería que vostede dirixe, informando de que ata o próximo ano non van ser convocadas as axudas para as actividades dos equipos, quero compartir con vostede, como máximo representante da política educativa en Galicia, as miñas inquietudes e explicarlle os motivos desta carta:
• Dende que foron creados os ENDL, ao abeiro do Decreto 247/1995, estes veñen desenvolvendo un papel fundamental na activación da vida cultural dos centros educativos de toda Galicia, que se traduce na programación e realización de actividades nas que participa toda a comunidade educativa (e en moitos casos transcende moito máis alá dela) e que son fundamentais para axudar á formación do noso alumnado.
• Entre as ditas actividades podemos citar algunhas como a elaboración de axendas e calendarios escolares, a convocatoria de certames literarios, a creación de grupos de teatro, a realización de vídeos (nalgúns casos ata de longametraxes), a edición de revistas en formato tradicional ou dixital, a elaboracións de blogs e páxinas web, a difusión da música galega, ciclos de conferencias sobre temas científicos ou artísticos, e un longo etcétera.
• Na realización destes traballos participan de maneira moi activa distintos sectores da comunidade educativa (persoal administrativo, profesorado, ANPAS... pero sobre todo alumnado) que, aínda que de maneira lúdica, están regalando o seu tempo e esforzos para adquirir e transmitir aos outros valores tan necesarios como a responsabilidade, o respecto polo traballo colectivo e, de maneira esencial, o aprecio pola cultura e a lingua galega.
• Todo este traballo, se de verdade se quere que sexa efectivo, é imposible realizalo sen un labor previo de organización e programación, de aí que unha das demandas reiteradas polos ENDL dende a súa formación foi a necesidade de que xa dende principios de cada curso se fixesen explícitos os proxectos de cada equipo. Só se sabemos cales son pautas que marca a Consellería e con que presuposto contamos para a execución dos nosos programas de actividades, poderemos desenvolver de maneira efectiva o noso traballo. Nos últimos cursos así se fixera e os resultados foran moi satisfactorios.
• Somos conscientes de que o goberno ao que vostede pertence ten na austeridade económica unha das súas máximas pero parécenos (e é ben seguro que comparte esta idea connosco) que a educación é un bo investimento e, neste momento, as actividades realizadas polos equipos de normalización e dinamización lingüística son pezas claves na adquisición das destrezas e competencias (non só lingüísticas senón tecnolóxicas, sociais...) que conforman a bagaxe cultural do noso alumnado.
Por todo o anterior, gustaríanos que se tivesen en conta as nosas razóns e se revisase esta decisión que, dende o noso punto de vista, resulta moi prexudicial para os centros educativos galegos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.