Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/09/09

Na defensa da lingua galega

Transcribo o correo eléctronico que me remitiu Xabier P. Docampo:

Queridas amigas, queridos amigos: A ningún de vós se vos escapa que os dereitos da nosa lingua están sendo postos en grave perigo por decisións políticas que se fan ao ditado de organizacións claramente opostas a calquera proceso de normalización lingüística que se leve a cabo en Galicia.

Somos moitos os que desde o principio tomamos a decisión de nos enfrontar a isto por calquera dos medios, pacíficos e respectuosos coas persoas e coas institucións, que estea ao noso dispor. Así se estivo a xestar neste últimos meses unha plataforma que cumprise coas condicións ineludíbeis de ser apartidaria, plural e carente de calquera personalismo, é dicir, unha plataforma que devolva ao pobo galego o recoñecemento de ser o único detentador dese patrimonio inmaterial de valor universal e eterno que é a lingua galega. Unha plataforma á que pode pertencer calquera persoa que aniñe no seu corazón o desexo de defender e promover a lingua galega, con independencia de cal sexa a lingua na que desenvolve a súa vida cotiá. E tamén unha plataforma que non intenta substiutír nin facer de menos a calquera outra que exista ou poida chegar a existir cos mesmos fins.

Agora chega o momento de facer pública esta plataforma á que lle demos o nome de ProLingua, e quero convidarte e que te unas a nós. Para iso achego a este correo-e o noso Manifesto (que tamén se pode ver na nosa paxina web www.prolinguagalega.org) que che rogo leas con atención e, se cadras conforme con el, te unas a nós facéndote presente na nosa listaxe de membros de ProLingua seguindo os pasos que na propia páxina web se indican.

No caso de que os teus sentimentos coincidan cos nosos obxectivos e penses en te unir a ProLingua, desexaríamos que estiveses presente en Santiago o próximo día 3 de outubro ás 11,30, data e hora na que celebraremos a nosa asemblea constituínte na Facultade de Filoloxía (Campus Norte). Para nós, os de ProLingua e para min como amigo teu, é moi importante contar contigo ese día, como o é tamén o feito de podermos xuntar alí o maior número posíbel de persoas, porque sabemos todos que unha plataforma que se constitúe coa presenza de centos de persoas non pode ser ignorada.

Nos próximos días aparecerá na páxina web unha indicación de cómo informar da intención de estar presente na asemblea a fin de podermos facer as previsións necesarias.

En calquera caso esta ocasión é ben boa par enviarvos a miña meirande aperta.

Xabier P. DoCampo

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.