Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/09/09

A perspectiva desde a porta

A nosa querida Rosa sorpréndenos hoxe coa recomendación desta lectura: A perspectiva desde a porta de Patricia A. Janeiro.
Unha vez máis, moitas grazas, querida amiga. Seguiremos anceiando as túas recomendacións lectoras para complementar as nosas.

Cando queremos atopar textos diferentes, mesmo provocadores ou pouco correctos politicamente, acudir ao fondo da editorial Positivas adoita ser unha boa opción. Todos estes cualificativos poderíanselle aplicar á novela A perspectiva desde a porta de Patricia A. Janeiro. Trátase dunha narración áxil e amena, coa información ben dosificada para conseguir manter todo o noso interese polas historias que se nos contan: Nadia é unha avogada que ten dous “casos” pendentes, a defensa dun preso independentista e a monotonía do seu matrimonio. A partir deste personaxe saberemos tamén da historia da súa familia, coas loitas políticas dos anos 70 como pano de fondo.
É unha novela actual e, por iso mesmo, moi orixinal tematicamente; e tamén ben incómoda porque se atreve a abordar temas como o independentismo, a situación dos cárceres, a imparcialidade (?) dos xuíces... Pero, con todo, non resulta unha novela de denuncia política, senón unha reflexión sobre a soidade e o amor e sobre as diferentes perspectivas vitais das persoas.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.