Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/10/09

Así non imos a ningures

Artigo publicado hoxe no Xornal:

Alá polo século IX, cando nos reinos da Península Ibérica non invadidos, moi poucos eran os que sabían ler e escribir, hai constancia dun poema escrito en lingua galega que lembra a perda de España polos sarracenos. E cando no ano 1108 don Alfonso VI coñeceu da morte do seu fillo, chorou e laiouse en galego, na súa lingua, e fíxoo desta maneira tan triste, expresiva e fermosa á vez: Ay meu fillo! Ay meu fillo! alegría do meu corazón e lume dos meus ollos, solaz da miña vellez!... Dádeme o meu fillo, condes!...

Fermosa como lingua coido non a hai igual. Pero ademais ¡ qué importante debía ser o idioma galego, daquela que non había academia galega que o defendese, leis de toponimia e de normalización lingüística, nin Xunta de Galicia nin políticos oportunistas!.

Ven a conto si, ven a conto todo isto, das pouco afortunadas manifestacións duns e doutros, pero máis dalgún aos que se lle supón maior responsabilidade política e social. Pois si, estoulles a falar do topónimo de A Coruña (tal como a lei nos obriga a chamarlle) e a teimuda carraxe ou oportunismo de políticos capaces de renunciar de súa nai (refírome a lingua nai, claro) por un puñado de votos dos/as coruñeses/as ou dos defensores dun materialista pseudo bilingüismo.

Aínda que doia dicilo, semella unha caste de xente na que aflora un fondo desprezativo cara o galego. Para defende-las súas teses, mesmo alegan razóns de liberdade que nada teñen que ver có caso. Non se queren decatar de algo tan sinxelo e certo como é o feito de que, se somos galegos, ¡ é precisamente porque temos lingua propia !. Xa que logo, estamos obrigados a mantela, divulgala e darlle lustre e esplendor de por vida; pois senón poderíamos ser un apéndice de León ou mesmo extramuros de Castela.

Por elo, aínda aceptando que un cidadán normal de a pé, poida falar e ata empregar a demagoxia para argumentar a favor ou en contra da lingua, un alcalde ou un persoeiro cunha alta representatividade política non pode, con irreflexivas manifestacións, menosprezar ou conculca-la Lei de Normalización Lingüística ou a Lei de Toponimia de Galicia, aprobadas polo Parlamento, sexan cales foran as súas preferencias ou intereses persoais. Non hai máis que lembrar o que di un dos artigos máis claros que xamais aprobaron os políticos galegos: Artigo 10: “Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega” E punto. Polo tanto, A Coruña seguirá chamándose e escribíndose así, mentres a dita Lei estea en vigor.

Disquisicións coma esta, rexeitando o uso normativo galego para o nome dunha das cidades e provincias máis representativas da nosa terra, pouco ou nada axudan a potencia-la identidade que moitos queremos para Galicia. Se hoxe transiximos coa “La”, mañá estaremos castrapeando mesmo Bueimuerto ou Ortigal por Ortigueira que para o caso a algúns ráscalle o mesmo. Certo que para moitos intelectos o mesmo daría ou ata o verían ben; pois baixo un disfrace de liberdade idiomática ou de bilingüismo, zumégalle un claro desprezo pola lingua viva mais antiga da Península Ibérica.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.