Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/10/09

Cuestión de Dogma

Artigo en Galicia Hoxe de Xosé M. Lobato:

Historicamente, Galicia amosa, en diferentes ámbitos, unha liña tan irregular e sinuosa coma a súa caprichosa e fermosa orografía.

Semella que é unha característica de picos, altos e baixos, estados de ánimo arraigados nun pobo explotado e fortemente reprimido, antecedentes que condicionan unha personalidade servizal pero tamén loitadora ata a extenuación.

Tanta alternancia entre os diferentes períodos é un atranco para o desenvolvemento de Galicia segundo o seu potencial; aquí permanecemos nun constante vaivén, sucesión de avances e retrocesos, cada etapa de sombra é o precedente de difusas raiolas. Con relación á lingua galega, o elemento de identidade esencial do pobo galego, non queda á marxe desta cruzada, que hoxe aparenta ser arre e mañá é xo.

Inmersa dende hai tempo nesta campaña, está a lingua de Galicia, transmisión dos nosos devanceiros, que maioritariamente non eran grandes ilustrados nin iluminados, polo que non enunciaban ese paradigma de amor harmónico para coa lingua galega.

Paradigma con arquetipo de servizo a patrón, con profundo fundamento, nos seguintes principios históricos irrefutables.

Ano de 1926. R.O. Art. 1. Los maestros que proscriban, abandonen o entorpezcan la enseñanza del idioma oficial en aquellas regiones en que se conserva otra lengua nativa, serán sometidos a expediente, pudiendo serles impuesta la suspensión de empleo y sueldo.

Período de 1936 a 1939, neste curto espazo de tempo, foron fusilados ou paseados máis dun cento de mestres.

1938. Orde do Goberno Nacional. Se prohibe el uso de otro idioma que no sea el castellano en los títulos, razones sociales, Estatutos o Reglamentos y en la convocatoria y celebración de Asambleas o juntas.

1940. Circular a funcionarios nos seguintes termos: Todos los funcionarios que en acto de servicio se expresen en otro idioma que no sea el oficial del Estado, quedarán ipso facto destituidos, sin ulterior recurso.

1951. Orde gobernativa que prohibe o uso da lingua galega en actos da Real Academia Galega.

1979. Varios profesores denunciados ante a Inspección educativa por impartiren clases en galego, ao amparo do Decreto de Bilingüismo.

2009. Desterro das galescolas, con cambio de denominación e logotipo, segundo o conselleiro de Educación para: formar a cidadáns librepensadores, portadores de dereitos universais e actores protagonistas da liberdade que debe caracterizar unha democracia sólida.

Por certo, é de supoñer que o principio anterior do conselleiro aparece recomendado por todos os manuais de pedagoxía da educación, como instrución imprescindible para toda crianza de Galicia, o requisito ter entre 0 e 3 anos de idade e asistir a unha galliescola.

Na actualidade, o goberno da Xunta de Galicia semella encabuxado co actual decreto de Normalización lingüística, para o futuro pregoa e proclama un documento glorioso que abrolla na campaña electoral celebrada en carnaval. Segundo as manifestacións dos expertos, debe ser un documento feiticeiro, con capacidade para acadar ese status ideal de felicidade lingüística harmónica.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.