Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/10/09

Temos que ser formigas, non carricantas

Recollo este post do blogue "Alfaias" de Marcos Calveiro:

Non sei se son paranoias miñas, mais comezo a ver por todos os recantos síntomas moi preocupantes que indican que o discurso mentirán contra a nosa lingua vai callando lixeiro en moita xente, explícome.

Onte pola mañá no pediatra, mentres agardaba coa miña filla, vin a unha rapaza con uniforme dun coñecido colexio privado repasando o tema uno do seu flamante libro de Conocimiento del Medio de 6ª de primaria. Claro exemplo de que en moitos centros privados o decreto do galego xa foi derrogado de facto coa aquiescencia da Consellería.

Pola tarde non puiden acudir a reunión de comezo de curso da escola da nosa filla, mais a súa nai fíxome, alporizada, un completo resumo. E a que non sabedes cal foi o tema estrela? O galego. Por vez primeira en sete anos, os que leva escolarizado o noso fillo o maior, este asunto foi causa de discusión nunha reunión entre pais e educadores. Un pai re recriminoulle as mestras que falasen en galego, iso si, fíxoo alegando que había algún pais inmigrantes que podían non entender, cando estes ficaran todo o tempo calados e sen protesta de ningún tipo. Outro dixo que o decreto ( imaxinade a que extremos chegou a intoxicación popular e mediática que algúns pais xa falan de decretos nas escolas dos fillos como se aquilo fose o parlamento) xa estaba derrogado e que a súa filla lle tiñan que aprender a ler e escribir en castelán. As mestras estiveron en todo momento no seu sitio, aclararon a situación, incluso con certa retranca. Mais o mellor ou o peor, segundo se mire, de todo, foi o comentario que unha nai lle fixo a outra dicindo que vaia parvada que se polo menos lles aprendesen portugués que é unha lingua rica e non ese dialecto pobre que é o galego. Aclaro que todos estes comentarios foron feitos por xente nova, trinta anos, en Teis un barrio obreiro de Vigo, por xente cuxos pais ou avós de seguro falan aínda galego.

A miña inquedanza non ven só porque semella que a mentira calla en sectores sociais moi diversos, e que ata o de agora foran refractarios e ese discurso galegófobo, senón pola reacción que durante estes meses estamos a manter nós. Cando a tipa esa referiuse a nosa lingua como dialecto pobre, a miña parella e outro galegofalante presente olláronse incrédulos e ficaron calados. Ese está a ser o noso grande erro: o silencio. Coa idea de sermos respectuosos e non entrarlles ao trapo, estamos perdendo posicións a lume de carozo. Os políticos, hai que ver o papelón de Pachi e os seus adláteres, e os medios, co Faro, a Voz e Correo á cabeza, colocaron este asunto no centro debate público, inventando unha polémica e convertendo a unha impresentable botarate mestra de inglés en interlocutora válida e vedete deste escenario.

Pois ben, chegou o momento de actuar, de empregar as súas mesmas armas. Pasou o tempo dos manifestos, das plataformas e as grandes manifestacións. Temos que ser como formigas, non calar, actuar alí onde está o debate, incluso xeralo nós, con múltiples e pequenas accións a nivel local, dende a base, aí e onde está o noso poder. Non chega con xuntármonos na Quintana. Téñennos que escoitar, saber que estamos aí, nas escolas, nos bares, nos comercios, nos hospitais, empregando a nosa lingua e esixindo os nosos dereitos de galegofalantes.

Unha dura invernía achégase. Temos que ser formigas e non carricantas. Do contrario, as folerpas cubriran para sempre esas mil primaveras que todos nós desexamos.

1 comentario:

charo dixo...

É totalmente certo. Chegou algún pai a algún centro de Secundaria, reclamando algún dos libros do programa de gratuidade, a SOLIDARIA non, a outra ou o que queda dela, en castelán; en galego non o quería levar. O pai mostrou a súa perplexidade de que tal cousa (libros en galego) lle fora ofrecida ao seu fillo, aínda que non tivera que pagar por eles, porque total para que ía o rapaz facer o esforzo se todo ía cambiar e xa mesmo tiñan que estar os libros en castelán.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.