Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/11/09

A cousa que máis doe do mundo

Agora pido libros prestados ao meu afillado!!! A mágoa consiste en precisamente iso: non telos todos nos andeis para ollalos de cando en vez. Porque estes álbums ilustrados son, verdadeiramente, únicos.
A cousa que máis doe do mundo é un conto popular da Costa de Marfil adaptado por Paco Liván e ilustrado por Roger Olmos, editado por OQO, que foi "mención especial pola súa calidade literaria e gráfica" no catálogo e na exposición dos White Ravens. Non me estraña. Ademais da historia en si, onde unha hiena e unha lebre debaten sobre o poder dunha mentira ata que aquela comprende o seu poder sufríndoa en carne propia, as ilustracións son enormemente expresivas, mesmo tremendistas e explosivas de cor, postas ao servizo dunha historia que serve de reflexión sobre o poder da palabra e sobre o que realmente pode facer dano nas relacións entre as persoas.
Do portal da Literatua Galega:

Durante séculos, os contos foron, en moitos poboados de Africa, a primeira escola. Aínda que cada lugar posúe o seu estilo particular para abordar unha historia, os contos tradicionais africanos ademais de impregnados de contido simbólico, atesouran coñecementos e sabedoría ancestral; é común expoñer neles meditacións cosmolóxicas e filosóficas sobre a vida, revivir valores esquecidos, tratar de educar, guiar os individuos e, como neste caso, transmitir ensinanzas. A hiena, que encarna neste conto o carácter hipócrita e ruin dalgúns seres humanos, experimentará na súa pelo amargo sabor da mentira.

Grazas, Héctor, polo préstamo

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.