Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/11/09

Fala o Supremo...

... E o Supremo rexeita que os pais escollan a lingua na que estuden os seus fill@s!

"Absurdo": esta é a palabra empregada para permitir a libre elección no ensino da lingua, xa que abriría a porta a que calquera puidese "reivindicar unha instrución impartida en calquera idioma en calquera dos territorios".


O Tribunal Supremo rexeita que os pais poidan elixir o idioma no que estudan os seus fillos. Este é un dos argumentos que emprega este órgano xudicial para non admitir o recurso interposto polo pai dun alumno do colexio Los Sauces de Vigo que esixía que o seu fillo recibise aulas integramente en castelán. O xuíz alega que recoñecer a "toda persoa dependente da xurisdición dun Estado o dereito a ser instruído na lingua da súa elección conduciría a resultados absurdos, posto que todos poderían reivindicar así unha instrución impartida en calquera lingua, en calquera dos territorios".
Este fallo xudicial bota por terra a demanda dalgúns pais que reivindican a liberdade de elección do idioma nos centros, xusto nun momento no que a Consellería de Educación se atopa ademáis ultimando o borrador do novo decreto que regulará o uso do galego e o castelán no ensino. A posibilidade de que as familias puidesen elixir o idioma no que estudan os seus fillos estivo nun principio entre as alternativas que barallou a Xunta cando decidiu anular o decreto do Goberno bipartito que fixa que se deben impartir en galego cando menos o 50 por cento das aulas.
Para dar liberdade de elección, nembargante, habería que segregar aos alumnos por lingua. Aínda que a Consellería de Educación admitiu nun primeiro momento que esta opción estaba "sobre a mesa de traballo", máis tarde descartouse ao plantexarse dúbidas legais ao respecto.
Aínda e así dende o colectivo Galicia Bilingüe séguese reivindicando que se permita elixir aos pais o idioma do ensino dos seus fillos e reclaman á Xunta que cumpr cos seus compromisos electorais. No seu programa para as eleccións de marzo, o PP prometía "un bilingüismo integrador basado en el conocimiento de ambas lenguas y en el derecho de la libre opción lingüística". Precisamente para intentar ser fieis a esta promesa a Consellería de Educación realizou unha enquisa entre os pais para preguntárenlles en que lingua querían que estudaran os seus fillos.
Para o Tribunal Supremo, nembargante, nunha sentenza emitida o 21 de outubro de 2009, nin a Constitución nin a Declaración Universal dos Dereitos do Home "garanten aos pais o dereito de elixir a lingua que rexirá o proceso educativo dos seus fillos".
Por esta razón declara a "inadmisibilidade" do recurso de casación interposto por un pai de Vigo en contra dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de novembro de 2007 na que xa se denegaba ao demandante que o seu fillo recibise as aulas integramente en castelán.

Le o artigo completo no Faro de Vigo de hoxe.

E non se discrimina o castelán, por suposto!!!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.