Hai case un ano publicamos aquí o discurso de Gervasio Sánchez: acusou publicamente ao goberno español de permitir un mercado de armas que nos converte en exportadores de morte. Este mesmo goberno vén de concederlle o Premio Nacional de Fotografía por «o seu compromiso continuado coa fotografía como ferramenta de denuncia da violencia» nos conflitos armados, o seu «continuado labor» a favor da xustiza e especialmente polo seu traballo sobre as minas antipersoa.
É motivo de ledicia que por unha vez haxa xustiza e que sexa premiado quen fala así de claro.
Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959) traballa habitualmente para o Heraldo de Aragón e en xaneiro pasado obtivo o Premio Internacional de Xornalismo Rei de España no seu apartado Fotografía, por unha instantánea da súa colección Vidas minadas, 10 anos despois.
Especializado en conflitos armados, entre 1984 e 1992 cubriu a maior parte dos que tiveron lugar en América Latina e publicou os seus traballos no Heraldo de Aragón, El País, Diario 16 e en diferentes revistas.
En 1995, emprendeu o seu proxecto fotográfico Vidas minadas sobre o impacto das minas antipersoais nas poboacións dos países máis minados do mundo, entre eles Afganistán, Angola e Camboia, que concluíu en 1997 cun libro e unha exposición.
Máis fotos aquí.
Sen comentarios
Publicar un comentario