Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/11/09

A piragua

A nosa aprezada colaboradora lectora volve achegarnos a súa última lectura. Grazas, Rosa, novamente.


Cándido Pazó: A piragua. Editorial Laiovento


Hai xa algo máis de dous anos que asistín á posta en escena da excelente peza A piragua, escrita e dirixida por Cándido Pazó. Dende entón estiven pendente da publicación do texto, que, malia ser premiado como Mellor Texto Orixinal nos María Casares 2008, non chegou ás librarías ata hai uns meses.

A obra arrinca da anécdota –real- da polémica xerada nunha comunidade de propietarios/as porque un dos veciños ten unha piragua na súa praza de garaxe. A partir deste inicio cómico o autor vainos somerxer no mundo dunha das principais traxedias do noso tempo: a violencia machista. E faino con delicadeza e con realismo, pero sen simplificacións nin excesos didácticos. Alén diso, pareceume un logro magnífico que atope un espazo acaído para o humor dentro deste tema; memorable resulta, por exemplo, o chiste do catedrático de economía que explica o concepto de inflación a partir dos cambios físicos da súa muller.

Ademais do enorme interese do texto en si mesmo, tamén nos pode servir para coñecer a maioría das constantes da produción dramática dun dos autores máis destacables do momento, que aparecen aquí mesturadas: a reflexión sobre a actualidade e sobre a propia creación teatral, a homenaxe á commedia dell’arte, o humor e os xogos lingüísticos…

Esta obra reestreouse en xuño e debe de andar agora de xira polo país, así que, se tedes oportunidade, non deixedes de vela e/ou lela.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.