Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/12/09

Breve guía de lugares imaginarios

Por fin, fíxenme con este libro. Desde que vin a súa reseña quixen telo, porque falar de Alberto Manguel é para min sinónimo de acerto. E aínda que o libro ten xa uns cantos anos, esta é unha reedición (do 2004) que inclúe lugares como Howarts de Rowling.
Breve guía de lugares imaginarios de Alberto Manguel e Gianni Guadalupi é unha enciclopedia para os amantes da lectura, unha guía de viaxes para os lectores que constantemente nos trasladamos a esoutros mundos que os libros inventan para nós, un mapamundi da fantasía e da ficción que inclúe planos, gravados e mapas.
A min o que non me gusta, na miña ampla ignorancia, é que a referencia dos libros se faga no seu idioma orixinal, sen tradución -que cando menos podía figurar ao seu carón-, o que supón en moitas ocasións un esforzo incrible por saber de que libro se trata. Fóra disto, é moi cómodo, xa que está ordenado alfabeticamente.
Así que é un libro recomendábel para os tolos pola lectura e por saber máis, un bo agasallo para estas datas.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.