Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/12/09

El fotógrafo

Desde que souben da súa existencia, andei detrás destes cómics e por fin puiden lelos: imprescindibles en calquera biblioteca. Grazas, Mario, polo préstamo!

Tres tomos nos que vivimos a expedición dun equipo de Médicos sen fronteiras a Afganistán en plena guerra entre os soviéticos e os mujahidin (1986) , contado polo fotógrafo que os acompaña. Unha historia real que combina as fotografías que este realizou xunto coa historia contada en banda deseñada.
Unha historia dura, real, que merece ser lida para relembrarnos unha vez máis a ferocidade das guerras e as feridas, a dor, a morte, que aquelas causan. E ademais, as pequenas alegrías -e os moitos sensabores- da expedición, do valor destes médicos que arriscan as súas vidas para salvar as dos demais. De como aprenden a convivir, a respectar e ser respectados, a renuncia mesmo. Unha historia que nos devolve a fe na raza humana. Polo menos, nunha parte.

Encantoume a combinación experimental que os libros fan para contar unha historia tan dura e interesante xa que permite mesmo tocar a realidade grazas as continuas fotografías intercaladas que deixan testemuño de todo o acontecido, da precariedade, da anguria, da vida cotiá.

Escrito por Emmanuel Guibert xunto con Didier Lefèvre (o fotógrafo) e Frédéric Lemercier, (maquetación e cor) El fotógrafo -en tres tomos- está editado por Glénat.






Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.