Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/12/09

Habemus Intereconomía

Mandoume un bo amigo do Ribeiro esta ligazón para que a colgase no blogue. Quedei tan pampa que tardei en reaxir, a verdade. Isto é o que acontece a golpe de século XXI. Alucinante! Pódense dicir estas cousas impunemente? Poden proclamar este tipo de razóns científicas sen ir a un xulgado?

Esta mañá recibín o correo dun amigo, en principio pensei que era unha desas parvadas que circulan pola rede e que bombardean sistematicamento o noso domicilio virtual.
Estamos xa no Youtube. De repente, e unha vez tañido o devandito “Play”, aparece unha señorita guarnecida discretamente por unha chaquetilla de cor vermella fermoseada cunha especie de cucaracha que colga da metade esquerda. Está falando, mellor dito, baboseando a linguaxe co ánimo de facer discernir a nova ao aflixido receptor. Unha vez exposta a mesma, aparece un “tío repeinao”, atabiado cun traxe que semella gris-oscuro, todo un red-neck creacionista de Alabama. Tamén fala…
No mundo da “información” atopamos todo tipo de tendencias, dende a obxectividade dalgúns (poucos) medios, ata a instrumentalización (manipulación animosa con fins político-empresariais) máis absoluta. O enderezo sinalado corresponde á canle de televisión Intereconomía, unha especie de Tele Arnoia con proxección nazi-onal. A reportaxe asinada por un tal Rafa G.García de Cosio, procura remendar o desaguisado que certos grupos de esquerda tiñan provocado ó criticar as verbas do humanista Benedicto XVI cando manifestaba: “en aquellos países en los que se difunde la fe católica la enfermedad del Sida se extiende menos que en las que se reparte el profiláctico”. Quero pensar, polo tanto, que os abusos sexuais en menores que se reparten por internados e institucións católicas de medio mundo, alo menos foron consecuentes e leváronse a cabo como deus manda, sen condón e atendendo as recomendacións do Vaticano.
Intereconomía, no seu afán de coherencia e seguindo os protocolos que marca a información de calidade, instrumentaliza a nova baixo rigurosos criterios científicos. Un prospecto profiláctico como proba para argallar e demostrar que en Africa non saben ler, teñen dedos de antropoide e ademais son promiscuos e ateos dexenerados, e por riba, negros e pobres que habitan en desertos e non teñen aire acondicionado nas súas barracas, tamén, se non fora suficiente, África, non destaca en manicura, son seres inferiores que nunca entenderán o uso do condón dadas as súas limitacións intelectuais.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

tienes razón: ¿cómo se puede decir algo así impunemente?

Sil dixo...

Realmente alucinante que poidan dicir semellantes burradas

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.