Desde a Coordinadora Galega de ENDL pensamos que a proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún “bilingüismo cordial” senón un conflito nos centros escolares e na sociedade.
1- Nós defendemos unha educación igualitaria, tamén na aprendizaxe das dúas linguas oficiais, nas que o alumnado debe acadar unha competencia lingüística plena ao rematar o ensino obrigatorio. Con todo, a lingua galega non está en igualdade de condicións co castelán e a súa presenza é practicamente nula en multitude de ámbitos da sociedade; polo tanto, é na escola onde a poden aprender. Todos os especialistas din que cun ensino de menos do 50% na lingua minorizada é imposible garantir o seu dominio. Polo tanto, este decreto contén unha clara discriminación cara ao galego.
2. Non se pode falar de liberdade de elección con dúas linguas que xogan en divisións moi diferentes. Tampouco se pode falar de liberdade de elección dos pais cando só se vai respectar a decisión dunha parte. Se non vai haber segregación, medida que rexeitamos, como se respecta a suposta liberdade de elección en educación infantil dos que non saian “gañadores”, aínda que sexa un 49%? Ademais, é nesta etapa na que os nenos e nenas aprenden a falar e teñen os seus primeiros contactos coa lingua escrita, e múltiples estudos demostran que nesas idades son capaces de ir asentando as estruturas gramaticais e adquirindo vocabulario das linguas que se lles ensinan. É, logo, o momento de potenciar a aprendizaxe do galego, que se debe ir reforzando despois durante todo o ensino. Só desde o coñecemento das linguas pode haber liberdade para que poidan usar unha ou outra.
3- É un decreto feito desde o descoñecemento da realidade dos centros educativos. Trátase dunha decisión política e non pedagóxica, que non atende ao que din os especialistas en aprendizaxe de linguas e que obvia a problemática que pode supoñer no funcionamento dun centro educativo. As decisións sobre o currículo tenas que tomar a administración, por iso entendemos que é unha irresponsabilidade do goberno que traslade a decisión sobre a lingua vehicular no ensino ás familias e aos centros educativos. Isto só vai crear un conflito que non existía e imposibilita un ensino integrador e igualitario. Este borrador que supostamente busca o “bilingüismo cordial” parte dun problema que non tiñamos nos centros e a súa elaboración xustifícase en falacias, a primeira “a imposición do galego na escola”.
4- A fórmula para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, non oficiais na nosa comunidade, non pode estar supeditada a quitarlle horas ás linguas oficiais, nomeadamente ao galego, que é a que necesita de potenciación. Desde a Coordinadora apostamos polo fortalecemento do ensino de linguas estranxeiras pero tomando as medidas pedagóxicas necesarias e facendo unha planificación seria: reducindo a ratio de alumnado por aula, dotando os centros de aulas de idiomas ben equipadas, aumentando as estadías no estranxeiro para o alumnado e o profesorado, fomentando a súa práctica con lectores nativos, etc. Estas medidas deben ser dirixidas ao conxunto de todo o alumnado posto que o dominio das linguas estranxeiras non pode supeditarse á conxuntura concreta de cada centro. Sería discriminatorio que o nivel de inglés do alumnado dependese da posibilidade de que se puidesen ofertar no seu centro máis ou menos materias en inglés. Ademais, queremos recalcar que os estudos demostran que as comunidades bilingües obteñen mellores resultados que as comunidades monolingües na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Polo tanto, o dominio do galego e castelán só tería efectos positivos. A aprendizaxe e a competencia en máis dunha lingua enriquece, porque as linguas suman.
5- Gañar unhas eleccións non lexitima ao goberno para atentar contra o noso patrimonio. A administración ten a obriga de potenciar a lingua propia de Galicia, que se atopa ameazada e non o está cumprindo desde o momento en que se busca limitala no sistema educativo cunha norma que é a máis regresiva de todas as comunidades autónomas con lingua propia. A escola debe buscar un equilibrio para a aprendizaxe das linguas xa que na sociedade non o hai e ese equilibrio pasa por potenciar o galego no sistema educativo.
1 comentario:
Estou de acordo con este comunicado, que é desde logo moito máis equilibrado que ese noxento borrador. A min resúltame especialmente triste o emprego das linguas como argumento político porque a lingua é un privilexio natural para nos comunicar e que temos a obriga de conservar con mimo. Veremos en que acaba todo isto, pero témome que os ignorantes lingüísticos vanse sair coa súa.
Saúdos e bo ano.
Publicar un comentario