Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/01/10

Desván de los Monjes

Non é lenda urbana, é verídico. Cando mo contaba Chus Pato non o podía crer; pero, ao mesmo tempo, sabía que non estaba de broma, que me estaba a relatar un feito acontecido no noso país con total impunidade. E eu sentía que me estaba a dar unha taquicardia: sinceramente, repito, non o podía crer. Pero si:
Don Roberto "Varilla" -que non Varela-, conselleiro de cultura da Xunta de Galicia, dixo o que dixo en FITUR: El Pino, Toro e Desván de los Monjes. Como testemuña, o alcalde socialista de Fene:

Estabamos tristemente acostumados a escachar de risa cada vez que aquel conselleiro de (suposta) Cultura do fraguismo, Xesús Pérez Varela, facía das súas e se refería a “Carmiña Burana” como unha fantástica cantante galega ou cando afirmaba que na programación do Xacobeo se incluían fantásticas actuacións como a de Ainhoa e mais a de Arteta, xunto con Berrugueto, Masive Atrak ou Cheminal Broters. Parecía imposíbel superalo, pero para sorpresas, contacten vostedes co goberno de Feixóo.

Se non fose pola cantidade de testemuñas presentes, diría que foi froito do meu malévolo maxín, pero resúltame difícil explicar a cara que puxen cando lle escoitei a semana pasada en FITUR ao actual conselleiro de Cultura, Roberto Varela, afirmar ante centos de persoas, profesionais do turismo a meirande parte, que o Camiño de Santiago pasa por localidades tan fermosas como “Toro”, enténdase Touro, ou “Desván de los Monjes”, que logo duns minutos de conmoción neuronal cheguei a asimilar que se trataba de Sobrado dos Monxes.

Mais aló do imperdoábel erro, por moito que lle intenten botar a culpa ao tradutor, o alarmante é o que denota, que non é outra cousa que o nulo coñecemento da realidade galega e o nulo respecto á nosa lingua que ten o conselleiro. Cando sae á luz a verdadeira alma deste goberno do PP é moito máis doado de comprender o porqué de aberracións como o decreto do galego.

Por iso, o problema non é que queiran introducir o inglés no ensino a costa do galego, que queiran facer un novo decreto ou incluso que algúns crean parvadas como que o castelán está en perigo en Galicia. O verdadeiro problema é que padecen galegofobia, que non cren na normalización do idioma e que o que lles gustaría de verdade é desterralo das aulas.

Ao tempo que o conselleiro patinaba en FITUR milleiros de persoas manifestábanse en Compostela a prol do galego. Non o sabían aínda, pero Varela estáballes a dar a mellor mostra de que a loita na rúa para protexer o noso idioma non só está xustificada, senón que é máis necesaria que nunca. Eles non, pero nós, a inmensa maioría do país, si que queremos galego!


Dicídemo vós: podedes crelo? Non deberiamos pedir a súa dimisión XA?

4 comentarios:

migramundo dixo...

Francamente, penso que con esixir a súa dimisión non se vai arranxar nada, aínda que sexa preciso pedila, porque se vai enrocar aínda máis e protexeranno máis. Hai que deixar que caia polo seu propio peso. De feito, xa caeu. E penso que non tardará en chegar o tempo e que a caída se faga políticamente efectiva. É cuestión, repito, de tempo político. Saúdos.

Ronsel dixo...

Supoño que o do "tempo político" faise moi longo cando vemos os desastres da man. Supoño que é difícil ser político, pero é tan difícil ser honrado? A honradez e o respecto van da man.

Odemo dixo...

Mas que "problema de tradutor". O senhor "varilla" pensa que imos acreditar que escreveu o seu discurso de apresentaçom em galego e que este depois passou polas maos dum malvado tradutor -automático ou humano- que mudou os topónimos?

Vivemos no país do ridículo sem fim.

Pablo dixo...

Eu diríalle que o do problema do tradutor é mentira porque normalmente calquera texto para unha charla se le varias veces antes e en canto se chega a Desván de los Monjes decataríase de que era un erro. Paréceme vergonzoso que a cagara de tal maneira e máis mo parece o feito de que nos tome por parvos, pensa o ladrón...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.