Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/01/10

Feijoo e o galego: si pero non

Publicado na Voz de Galicia:

A nove meses das eleccións, o parto dos montes. Ou case, porque Feijoo non nos agasallou no fin de ano co decreto sobre o galego, senón cunhas bases para a súa elaboración, que aínda seguirán sendo obxecto de informes e debates. ¿Enésimo globo sonda e posibilidade de que recúe, ou postura inamovible revestida de xesto «dialogante»? Xa veremos.

En todo caso, de manterse os contidos básicos do texto presentado, hai varias evidencias. Primeira, o peso normativo do galego no ensino non universitario retrocede considerablemente, baixo a aparente vontade de reequilibralo co castelán. E non só polas novas porcentaxes. Por exemplo, ¿como se garante o dominio das dúas linguas ao final do ensino obrigatorio por parte do alumnado se «en todas as áreas» este «poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia»?

Segunda evidencia: na educación infantil non se garante o ensino na lingua materna. Dada a realidade sociolingüística, nomeadamente na Galicia urbana, haberá moitos centros nos que as porcentaxes de nenos e nenas galegofalantes e castelanfalantes teñan as dous valores considerables. ¿Que pasa co 30%, 40%, 48% que ten unha lingua materna diferente da maioritaria nesa aula? Segundo o borrador, serán atendidos «de xeito individualizado». ¿Por quen? ¿Polo mesmo docente responsable dese grupo? Imposible. ¿Por persoal auxiliar que se ocuparán deles a parte dos demais? ¿Na mesma aula ou noutra? ¿Onde están as previsións orzamentarias para aplicar realmente este e outros aspectos do decreto?

E nas outras etapas, deixar á vontade maioritaria das familias (que pode ser 51% fronte a 49%) a decisión de se Matemáticas se imparte en galego e Ciencias Sociais en castelán, ou viceversa, é simplemente demagoxia barata. ¿Que máis dá que sexa dun xeito ou do contrario? E logo está a broma do inglés. De todos é sabido que Galicia, e España, son a vergonza de Europa neste eido. Logo de estudar inglés dende os nove aos dezaoito anos, a maioría do alumnado chega á universidade sen nin sequera ser quen de ler ben nesa lingua, non digamos xa falala ou escribila. Pois ben, agora, en poucos anos, imos impartir nada menos que un terzo das materias en inglés. ¿Ulos profesores capacitados? ¿Ulos recursos necesarios? Xa está ben de insultar á intelixencia da cidadanía.

Coa súa aparente vontade reparadora do suposto talibanismo lingüístico do bipartito, o decreto, amén de ser un serio retroceso das políticas lingüísticas mesmo da época de Fraga, é didacticamente inviable, polo menos a curto e medio prazo. O máis probable é que os únicos efectos prácticos sexan introducir nos centros e nas APA un motivo de discordia antes inexistente ou larvado. E politicamente non parece, polas primeiras reaccións de ambos bandos, que vaia amansar as augas, senón máis ben o contrario. A caixa dos tronos está mellor pechada. Cando se abre imprudentemente hai que apandar coa tormenta.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

E para disimular o "non ao galego", reclama o inglés...

Anónimo dixo...

Ola a todos:
Que vos fai pensar que a este Presidente lle importa, por este orde:
O Galego
Os galegos
Galicia
A Educación
A Educación Pública??

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.