Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/01/10

La historia de Akupai

Destes álbums ilustrados que non deixan indiferentes, La historia de Akupai é o terceiro de Philippe Lechermeier en España tras Semillas de cabañas e o gran éxito Princesas olvidadas o desconocidas. O seu título orixinal debería ser El manto rojo (Le manteau rouge).
As fermosas ilustracións son de Élodie Nouhen quen dá todo o protagonismo do libros aos nenos, coa característica de que as súas caras están presentadas todas de perfil; as cores seguen a liña do indicado no texto: a brancura da neve, o dourado dos campos, o vermello do tecido... postos en función da historia e destacando, como non, en cada páxina. Fixádevos na portada: reflicte unha parte do que vos estou a dicir, aínda que aquí semella que nos vaia falar do "home do saco"!
A historia que narra, en primeira persoa, é moi fermosa, de final aberto, regalando esperanza e bondade, posto que nos fala de xente humilde e xenerosa, de xente que agradece, de xente que sorprende. Unha historia para ler no inverno e sentir que Papá Noel, en realidade, si que existe, e o temos nas nosas mans: dentro deste libro.
Outro gran libro (incluído o tamaño) que vos encantará.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.