Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/01/10

O cerne é a lingua

Achegamos desde Prolingua:

Hoxe, 7 de xaneiro, lembrando o 60º cabodano da morte de Castelao, traemos un artigo de Francisco Calo, publicado en Xornal de Galicia

O CERNE É A LINGUA
Francisco Calo Lourido
No Madrid de 1931, Otero Pedrayo matinaba sobre unha Galicia derrotada e morta e procuraba os vieiros da súa resurrección, vieiros que deberían necesariamente pasar por un galeguismo –en canto “integridade do ser e da alma galega”– superado pola galeguidade, é dicir, pola “completa e harmoniosa exaltación dos valores galegos”. O patriarca tiña moi claros cales eran eses valores e enumerounos: “A lingua, o primeiro. A lingua, forma psicolóxica da Raza, ten de ser a primeira obrigación de todos. Pois co uso e cultivo cotidián chegarase axiña ao punto de unanimidade mínimo para que a galeguidade sexa a fórmula completa das arelas de tódolos galegos. Pénsese que ao caer a lingua cae tamén a vida galega. E sen teimar ningunha frase heroica, atendendo ao mandado da conciencia histórica, podemos asegurar ser mellor unha Galicia pobre falando galego que unha Galicia rica usando outra lingua. Esto dixo De Varela da súa Irlanda. E débese pensar tamén de Galicia, aínda que a realidade nos ensine que para ser ricos e fortes, non hai outro camiño que o de ser cada día máis xurdiamente galegos”. Pola súa banda, Losada Diéguez dixo que “canto máis se cultiva o propio espírito (entendendo por tal a lingua, a cultura e o goberno galego) máis universal se é”, e Castelao sentenciou que “se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Os inimigos de Galicia saben que esta deixará de ser, desaparecerá como tal e diluirase nunha amorfa e homoxénea España, cando o faga a única lingua que lle é propia. E o mesmo Castelao nos lembrou que “só Galiza vai salvar a Galiza”.

Villar Ponte recolleu, en 1916, un florilexio de citas foráneas que, case 100 anos despois, manteñen tal frescura que mesmo semellan escritas para seren pronunciadas na manifestación do tristísimo serán do pasado día 30. Velaí unha mostra: “O sangue do meu espírito é a miña lingua; a miña patria está onde ela resoa”; así cantou outrora Joan Maragall, grande poeta e políglota tradutor de Goethe, Novalis, Homero ou Nietzsche, o mesmo que, séculos antes, tiña dito Miguel de Cervantes, tras recomendar o uso das linguas rexionais: “O grande Homero non escribiu en latín porque era grego; nin Virxilio escribiu en grego porque era latino”. O artífice da Restauración, Cánovas del Castillo, tan admirado polo partido de Núñez Feijóo e con Fundación eclipsada pola FAES, dixo que “A lingua e, sobre todo, a súa sintaxe é a expresión máis acabada de toda raza e de todo pobo... a lingua é a alma exteriorizada”. Cánovas era de dereitas, pero non precisamente analfabeto. E, antes del, Pi y Margall, federalista e presidente da I República Española, preguntouse, se “pode darse nada máis ilóxico que confiar a administración nin a xustiza a homes que non coñezan as linguas do país no que teñan que exercelas”. Interesante pregunta que traslado ao presidente Feijóo a conta dos nomeamentos do seu goberno. El saberá por que escolleu para conselleiros persoas iletradas en lingua galega e vai ter que facer un enorme esforzo pedagóxico para convencernos de que non está tentando esnaquizar a esencia de Galicia a mantenta, poñéndoa aos pés dos cabalos carpetovetónicos na procura dun futuro máximo recoñecemento político alén do Padornelo.

Cómpre aos intereses partidarios e persoais eliminar tódolos sinais identitarios de Galicia e, sendo o cerne do pobo galego a súa lingua, nela se focalizarán as agresións, chegando mesmo á demagoxia das enquisas interesadas, esquecendo que o teorizador da división de poderes, Montesquieu, deixou dito na súa grande obra De l’esprit des lois: “O pobo non debe entrar no goberno máis que para elixir aos seus representantes”. O responsable do barco é o patrón e este nunca debe consultar á tripulación se a borrasca se capea ou se corre. El ten todo o poder e el debe de ter, por conseguinte e en exclusiva, toda a responsabilidade, sen ampararse de xeito covarde, pusilánime ou demagóxico na opinión do rapaz de abordo. Un presidente nunca debe de utilizar ao pobo como bobo útil para lexitimar espurios intereses.

Cando, no século XIX, os habitantes de Braga celebraban cun entusiasmo desbordante a entrada na modernidade, derrubando as senlleiras murallas romanas da cidade, só se ergueu a voz de Leite de Vasconcelos con este laio contra autoridades e pobo: “Em que mãos caiu a tua glória, Bracara Augusta!”. É mágoa termos que aplicar esta mesma queixa á Galicia do século XXI; pero semella que os deste recuncho do noroeste estamos fanados e que polo solar galego sempre teñen que galopar bárbaros Atilas, mesmo que cheguen disfrazados de modernidade e “cosmopaletismo”.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.