Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/01/10

Patético, dramático e ridículo

Artigo en Vieiros de Alejandro Tobar:

H. P. Lovecraft, a comezos da súa novela The Case of Charles Dexter Ward, deixounos, sen el o saber, unha descrición fidedigna do Núñez Feijóo do predecretazo. Que estrañas coincidencias as da ciencia ficción, o misterio e o terror.... Home, non! Traduzo: «A aparencia daquel home estraño e pálido, de mediana idade, era asemade patética, dramática e ridícula». Cravouno.

O proxecto de decreto contra o galego non hai por onde collelo, simplemente non ten pase. É unha rancia e vil desfeita, tanto dende unha perspectiva legal como de sentido común: así, é lóxico que ao cabo dunha semaniña de nada xa estea plenamente contrarrestado por expertos e xente do común, en masa. Sacáronlle as cores, coma quen di. De aí que unha nova análise particular dificilmente dea en achegar nada novo, pois os puntos do decreto, francamente, non dan máis de si; son perlas para o teatro do absurdo e para de contar. Porén, é certo que cómpre agardar por senllos ditames da Academia e do Consello da Cultura, que deben ser claros e contundentes.

Os puntos do infame predecretazo de Feijóo, Vázquez, Lorenzo e compañía de ridículos son exemplos de mesquindade que cun chisquiño de sorte nun futuro serán obxecto de estudo nas facultades deste país e doutros. Gardaranse se cadra no mesmo cartafol dos discursos de Hitler, dos reclamos de liberdade armamentística da Asociación Nacional do Rifle dos Estados Unidos e folio contra folio cos panfletos franquistas que animaban a ser patriota e falar a lingua dos patriotas e a profesar, por certo, a relixión da nación española, que «es y será perpetuamente católica, apostólica, romana, única verdadera». Tal cal figura nesa Constitución de 1812 que Feijóo, o estraño homiño de mediana idade, di admirar profundamente.

No canto de seguir polo camiño de lle sacar as vergoñas e incoherencias ao decreto, vexamos que din del os que xa opinaron con argumentos e cabeciña, algo que dende logo escasea na caverna de paxes do señor Yoprotesto, la voz de la calle... pobres esperpentos millanastrayanos. E fagámolo telegraficamente ―mais cunha ligazón ao texto íntegro, pois os xornais dixitais permiten estes e outros malabares (faise premendo nos respectivos números)―, para que a lectura non perda dinamismo:


1.- «Con este decreto del gallego no se va a ninguna parte; es una aberración». José Manuel Suárez, presidente da Asociación de Pedagogos de Galicia.

2.- «Un retroceso indiscutible que impedirá conseguir os obxectivos previstos nos documentos curriculares en vigor [...] Un retroceso que, ademais, contravén o sentido de progresividade e da necesaria protección da lingua propia establecido na Lei de Normalización de 1983». Manuel Bragado, director xeral de Edicións Xerais de Galicia.

3.- «Humillante proyecto lingüístico». Fermín Bouza, catedrático de Socioloxía da UCM.

4.- «A proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún bilingüismo cordial senón un conflito nos centros escolares e na sociedade [...] A súa elaboración xustifícase en falacias». Coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística.

5.- «Unha ameaza á liberdade [...] un decreto coma este supón un intento de converter unha parte da cidadanía en cidadáns de segunda». Agustín Fernández Paz, mestre e escritor.

6.- «O decreto parte dun suposto inexistente, reflicte a completa desconexión coa realidade social deste país e supón un significativo retroceso nos espazos conquistados nos últimos trinta anos polo galego, que debido á súa situación minorizada debe gozar dunha protección especial por parte das institucións democráticas, que deben promover o seu uso, como se recoñece na Constitución, no Estatuto de Autonomía, na LNL e no PXNL». Alfredo Iglesias Diéguez, doutor en Xeografía e Historia.

7.- «O que tiña que ser un elemento de cohesión social converteuse tristemente nun de confrontación, crispación e división da sociedade [...] Dóeme especialmente ter que enfrontarme ao partido no que milito por unha cuestión que nin debera estar no debate por evidente». Rafael Cuiña, empresario e militante do PPdeG.

8.- «Isto é unha ficción lingüística artellada para poder actuar en contra do futuro da lingua galega, iso si, no nome de nobres arelas. Porque diso se trata, dun atentado ao futuro do galego». Xabier P. DoCampo, mestre e escritor.

9.- «Xa está ben de insultar á intelixencia da cidadanía [...] O decreto é didacticamente inviable [...] O máis probable é que os únicos efectos prácticos sexan introducir nos centros e nas APA un motivo de discordia antes inexistente ou larvado». Justo Beramendi, historiador.

10.- «O decreto contravén o sentido da necesaria protección para a lingua propia incluída no Estatuto de Autonomía e pon en perigo a planificación lingüística». Nova Escola Galega.

11.- «Supón un ataque sen precedentes á liberdade e á igualdade [...] quebrántase o respecto pola igualdade entre os cidadáns [...] Ábrense as portas á segregación lingüística nas clases, fundamentalmente no ensino infantil». Análise crítica de Carlos Amoedo e Filipe Diez.

12.- «Un texto galegófobo, que creará crispación entre familias e que é inaplicábel nos centros, se non é creando unha inmensa fractura social». Carlos Callón, presidente da Mesa.

13.- «El decreto que regulará el uso del gallego en las aulas será un gran decreto. Para zaragozanos, murcianos y abulenses. Para los gallegos no tanto, pero para los centralistas que nos ven por un telescopio será un decreto insuperable». Ernesto Pombo, xornalista.

14.- «Supón unha involución na normalización lingüística e unha agresión ao noso idioma [...] Este borrador é o colofón a un proceso de involución e agresión permanente ao noso idioma». CIG-Ensino.

15.- «É un clamoroso erro pedagóxico e político [...] supón unha irresponsabilidade do actual goberno ao inhibirse de lexislar. Con toda probabilidade creará conflitos nos centros que ata hoxe non existían». Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza.

16.- «Un borrador confuso no fondo e impresentable na forma [...] totalmente antipedagóxico, inasumible didacticamente e imposible de levar á práctica nos centros [...] provocaría un conflito de dimensións incalculables [...] Confunde a terminoloxía e comete erros de vulto». FETE-UXT.

17.- «Un decreto trampa que vai provocar unha certa división social da que non podemos agora imaxinar a dimensión». Antón Baamonde, filósofo e escritor.

18.- «vulnérase o PNL e o espírito da LNL e do Estatuto, rachando coas liñas básicas do consenso lingüístico que nos demos. Cunha tal normativa nin o galego será lingua normal no ensino, nin se garantirá a competencia lingüística das novas xeracións que esixe a Lei. Ráchase co consenso lingüístico, xérase división social e faise camiño cara á marxinalización e dialectalización do galego» X. A. Pérez Lema, avogado.

19.- «El problema del borrador no está en que la solución sea mala, sino que es absolutamente inaplicable. Si Núñez Feijoo cree que hay que rebajar la presencia del gallego en las troncales, o que el gallego no puede ser el idioma vehicular de la ciencia y las matemáticas, y si se comprometió con Gloria Lago a corregir tal desmán, que lo diga, lo decrete, y que se enfrente a la historia y a las urnas. Cualquier cosa, menos huir de la responsabilidad de gobernar». Xosé Luís Barreiro, licenciado en Ciencias Políticas e ex-vicepresidente da Xunta de Galicia.

20.- «Carece do máis mínimo rigor pedagóxico [...] vulnera a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, asinada polo Estado español en 2001, a propia Constitución e o Estatuto Galego [...] a dubidosa legalidade do decretazo tería que ser recorrida canto antes por entidades educativas e polo mesmo Ministerio de Educación». Manuel Miragaia Doldán, filósofo e escritor.

21.- «Unha ridícula operación matemática que resulta falsa xa desde o propio enunciado». Paco Martín, mestre e escritor.


Estas son algunhas das principais reflexións que dunha ou doutra maneira me chegaron ao correr destes días postborrador; no tinteiro, para non asoballar, quedan outras anotacións diversas, como por exemplo as opinións atinadas de Manuel Vidal Villaverde ou Xosé Ramón López Boullón. Á vista da práctica unanimidade crítica das Bases do decreto de plurilingüismo, mesmo nalgún medio que tanto ten apoiado a campaña dos galegófobos, o goberno debería pensar en retirar xa tales Bases; e de perseverar, por decencia, por dignidade, ou por ambas as dúas, o seguinte paso dos artífices deste despropósito debe ser presentaren cadansúa dimisión. Non obstante, este escenario semella pouco probábel, pois malpocadamente ―e desexo profundamente andar enganado― o monstro lingüicida non coñece o significado nin de decencia nin de dignidade. A ver se polo menos lle soa aquilo do amor propio. En fin, veremos que sucede, pero unha cousa está clara: en galego somos máis.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.