Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/03/10

Aterse ás consecuencias

María Reimóndez no Xornal:

Hai trinta e sete anos unha mestra comezaba a súa carreira, rematados os estudos na Normal de Lugo, impartindo clase nun dos institutos da cidade. Entre as materias que lle asignaran estaba a de educación física. O curso foi pasando ata que á hora de poñer as notas a mestra en cuestión foi chamada por parte das instancias superiores do instituto e logo da estrutura educativa por negarse a aprobarlle a materia á filla duns ilustres falanxistas que decidira non aparecer por clase en todo o curso. Estas instancias superiores esixíanlle á mestra que cumpría aprobarlle a materia á devandita moza ou se non debía aterse ás consecuencias. A mestra decidiu aterse ás consecuencias e perder o seu traballo, amosando con iso un sentido da xustiza e ecuanimidade que habería de ser admirado por moitas persoas nos anos vindeiros. A mestra buscou traballo nunha escola da cal non se volveu mover dende entón. Quen lle había dicir que trinta e sete anos despois se había de ver nunha situación semellante, a mans dos mesmos verdugos pero cunha democracia de por medio. Desta vez, novamente as instancias educativas (a inspectora López Besteiro) tentaron obrigar á mestra a incorrer na ilegalidade (permitirlle a unha nena, contra dos contidos curriculares establecidos, expresarse en castelán e facer os exames en castelán nas materias obrigatorias en galego). A situación reviste unha gravidade extrema nas circunstancias nas que nos atopamos. Maior aínda é a gravidade do silencio do colexio, das instancias educativas e as acusacións ás que foi sometida a docente por parte dunha mai militante (e belixerante) con total impunidade. O feito de que ela mesma se abstivese de dar detalles sobre este último aspecto di moito da súa calidade como docente. Resulta indignante que cando unha persoa denuncia unha inxustiza sexa ela o obxecto de ataques e non me vou abster aquí de facer defensa desta mestra en particular e das mestras e mestres en xeral.

Esta situación dura e inxusta é o que agora pretenden elevar a rango de decreto os nosos patéticos gobernantes. Por unha banda o noso conselleiro de (in)cultura láiase de que o profesorado perde “autoridade” e pola outra o mesmo goberno busca tirárllela, deixando as decisións educativas nun colectivo de persoas carentes de criterios educativos profesionais. Pois unha cousa é a participación das familias na educación e outra a toma de decisións sobre materia educativa. Este é un decreto que ademais, abrirá unha fenda irreparable. Aquela na que nun futuro haberá persoas que non entenderán a Rosalía de Castro, nin a ti nin a min, aínda unha maioría da poboación galega. Non nos enganemos, aparentemente as persoas galegofalantes “levamos as de perder” (porque se agardará de nós que nos “fagamos entender=falemos castelán”) pero quen perde en realidade son as crianzas castelán falantes. E chegará o día en que as xeracións do decretazo pidan explicacións de por que lles ensinaron como estranxeiro o idioma propio (si, tamén de castelán falantes), por que xa non entenden o portugués e non teñen prioridade no emprego nese país, por que non poden vender os seus produtos a unha grande cantidade de poboación que, mal que lles pese, seguiremos estando aquí (e en toda a lusofonía). O decreto, ademais, botará enriba das mestras e mestres o conflito, poñéndoas nunha situación de peóns que nada se diferencia daquela coa que abrín este artigo. Pero a mestra, ti e mais eu e os milleiros de persoas que nos mobilizamos contra o decreto teremos entón a conciencia tranquila. Ao resto quedaralles para daquela aterse ás consecuencias.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.