Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/03/10

Metralla

Metralla é un cómic de Rutu Modan (guión, debuxo e cor) publicado por Sinsentido. Teño que recoñecer que me daba para atrás o feito de que estea asinado por unha israelí, pero ao lelo cambias de opinión: non se nomea en ningún momento o conflito que manteñen cos palestinos, non xulga, non se identifica, simplemente lembra que si é terrible vivir baixo ese medo permanente ao que a sociedade civil se debe acostumar. E por riba -ou por baixo- deste telón de medo e morte, o amor, imprescindible, arredor dun triángulo cun ángulo invisible pero sempre presente, atormentando e nunca deixando indiferente, enigmático, posesivo; a sociedade israelí reflíctese tamén nos estamentos sociais, deixando claro que a diferenza das clases sociais segue viva, vixente, e será esta tamén unha das claves da historia.
Os debuxos, as cores, son moi chamativas, todo moi suave e cun plantexamento diferente: os personaxes son moi expresivos a pesares de que, ás veces, semellan estar nun segundo plano.
Un cómic bastante recomendable en conxunto, a pesar do final feliz sempre previsible.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.