Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/03/10

Rubia peligrosa

Esta décima novela de Walter Mosley, Rubia peligrosa, é a miña última achega á novela negra (novamente grazas a meu irmán). Todo un descubrimento: mágoa non ter comezado pola primeira.
O protagonista é un detective negro que pasea por unha cidade racista (Los Ángeles) de finais dos anos 60. Destaca na narrativa esta caracterísitca: ser negro nunha sociedade negra -e nunha sociedade branca-, coa conciencia da problemática continua que isto supón, loitando contra unha desigualdade que fai que se apoie no seu propio círculo de amizades, tod@s el@s negr@s. Creo que é un dos rasgos máis sobresalientes desta novela: a relación coa cor da pel, o xeito en que esta inflúe na relación cos outros persoanxes, secundarios ou non, da novela.
Isto non significa que sexa unha novela pola igualdade; significa que o detective protagonista é un home peculiar, diferente ao resto dos detectives que estamos acostumad@s a ler, precisamente pola súa consideración de home de cor. Arredor disto, reflíctese unha sociedade perigosa, ruín, onde o máis importante é a lealdade e a amizade, a sensualidade provocada por un xeito de narrar áxil que consegue que vibremos en cada unha das súas páxinas. Reborda vitalidade, anceios pola lectura. Humanidade.
O final, espectacular.
Podedes ler aquí o primeiro capítulo. Para ir abrindo boca. Xa sabedes, se vos gusta a novela negra, buscade este autor.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.