Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/04/10

Esther Tusquets

Hoxe temos a sorte de contar cun novo colaborador: o noso amigo e seguidor blogueiro Ernesto, quen nos achega dúas súas lecturas destas vacacións últimas: Habiamos ganado la guerra e Memorias de una vieja dama indigna, ambos dunha mesma autora: Esther Tusquets, publicados por Bruguera.

Grazas Ernesto: que saibas que agardamos que esta sexa a primeira vez, non a única, que nos achegues os teus comentarios.


Foi toda unha sorpresa o que atopei dentro destes libros.

Merqueinos coa idea de que levaba para a casa a historia da editorial Lumen na voz da súa directora, pero o que atopei foi unha irónica dama indigna chea de contradicións, narrando cunha franqueza que costa crer que teña límite, episodios da súa traxectoria profesional e sobre todo das súas vivencias máis íntimas.

Dende a súa estancia nun colexio alemán (da Alemaña nazi), pasando pola Falange, repousando na esquerda máis divina e rematando coa venda da editorial a unha multinacional, Esther Tusquets recrea nestas memorias as inquedanzas e o traballo dun amplo grupo de xente que mira a vida polo lado da cultura... co punto de excentricidade que iso supón!

Disfrutei das dúas entregas, envexei os días no mar catalán, coñecín de primeira man as tolerías da gauche divine, a fidelidade de Delibes e de Eco, o poder de Carmen Balcells... e deime conta da importancia da Barcelona dos 60 e 70 no panorama editorial actual.


Quédome cunha frase: "En Lumen só editabamos os libros que nos gustaban a nós".



E cunha foto: Con Miguel Delibes, en terras de Castela:






3 comentarios:

Anónimo dixo...

Si señor Ernesto! moita moita clase.
Xa corro a mercar estes libros porque me fixeche cóxegas no cerebro.
Eu que tamén nado na marea editora.

Ana dixo...

Grazas Ernesto (se é que de verdade te chamas así) por espertar en min unha grandísima curiosidade por ler estes dous libros dunha autora da que eu só coñecía aquel mar de todos os veráns.
Grazas tamén a Gracia e a Anxo por facer este blog tan estupendo que acabo de descubrir e no que fago o meu primeiro comentario (que agardo non sexa o último) xa que eu non son "blogueira" ou mellor dito non o era, xa que a partir de agora trafegarei un pouquiño todos os días.

Ronsel dixo...

Prezada Ana: o que si esperamos é seguir á altura do teu interese para que queiras trafegar connosco mentres fabricamos e soñamos ronseis de igualdade.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.