Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/04/10

La habitación de invitados

Real como a vida mesma. Niso coincidamos a Paramio e mais eu onte mentres charlabamos sobre este libro que ela me deixou -un de tantos!-. Si, tan real que é demoledor. O cancro, unha enfermidade terminal, e como enfrontarse a el. Non só por parte do enfermo, senón que a autora demora en contarnos como a vive a xente que rodea a un enfermo terminal. A ira, o cansazo, a impotencia, o desarraigo, a amizade, o amor...
Helen Garner transmite en La habitación de invitados a soidade, a profundidade da desolación que o ser humano sente ante a morte, a crenza irracional de calquera milagre custe o que custe, a tensión que a enfermidade terminal pode provocar na amizade, na familia, en calquera persoa. A negación da realidade por unha parte, e a forte sacudida da ira pola outra son, quizais, os elementos máis sobresalientes desta tremenda novela, comprometida por si soa coa realidade e a verdade máis furibunda.
Non sei se a Amizade está por riba de todo. Lida esta obra semella que si. Que por riba de pequenas frustracións, malentendidos, enfados e desenganos están o humor e a entrega, envolvendo todo nun nobelo que fala tan só dunha palabra: aprecio, e a devoción que este conleva.
Inmensamente recomendábel. Inmensamente tenra. Inmensamente real. Inmensa.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.