Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/05/10

A intervención

Que Teresa Moure é unha gran narradora está fóra de toda dúbida. Agora ben, teño que dicir que este seu último libro, A intervención (primeiro capítulo, aquí), defraudoume. Hai partes da historia que me gustan, sobre todo a que fai referencia ao avó dun dos protagonistas, así como a historia do outro protagonista que sofre amnesia (un personaxe cativador, por outra banda)... pero ao mesmo tempo creo ver algúns tópicos -moi tópicos- así como unha historia collida polos colares. Non sei se me explico. Resúltame difícil enfrontarme a este comentario; segundo o lin quedei pensando en cales eran realemente os meus sentimentos coa lectura. Non foi un libro que me enganchase, deses libros que devoras e que levas a todas partes; foi, pola contra, unha lectura demorada, case obrigada por min mesma e por ser de Teresa Moure, admirada autora de Herba moura. Unha lectura que necesitaba chegar ao final para agora tentar dilucidar as verbas axeitadas, porque si existen esas partes conmovedoras que me chegan pero tamén existe esoutra parte escura dun libro que non me encheu.
Gústame, si, a técnica narrativa empregada para ir adiando e retrocedendo na acción, e gústame sobre todo a necesidade dos protagonistas (de todos nós) de enfrontarse aos medos do pasado, ou ao propio pasado, para encarar o futuro.
En fin, lédeo, e contádeme a vosa opinión: desta volta cómpreme moito escoitarvos.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.