Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/05/10

Moitas grazas

Semella que o tempo esváese entre os dedos e apenas temos tempo para dar as grazas a catro blogues que nos agasallaron cun seu premio. Primeiro foi Bibloranca, hai xa un mes; logo veu Bragado, quen nas súas Brétemas nos honraba entre os grandes; uns días despois Medramos en galego, e A Profa tamén nos apoiou. Semella tarefa difícil atopar as palabras axeitadas para agredecer tanta xenerosidade; lembrar, como non, que nos sentimos orgullosos, que para nós significa azos para seguir traballando e ledicia por facelo ben. Tentaremos, iso si, manternos nesta liña para seguir a contar convosco. Moitas, moitísimas grazas aos catro blogues porque eles si que pagan a pena.



Imos tomar a liberdade de non cumprir os requisitos. Somos profesionais do ensino e sabemos o que significa este traballo blogueiro: todos e cada un dos nosos blogues paga a pena. Por iso, quixeramos premiar a todos e a todas aqueles profes e profas que traballan cada día por formar un alumnado que representa o futuro do noso país. E aquí falamos de blogues de aula, de blogues de biblioteca, de blogues do ensino. Estean onde estean, sexan de onde sexan, moitas grazas, compañeir@s, por tanto traballo ben feito.

Deberiamos premiar tamén a todos os blogues que se fan na nosa lingua. No momento en que estamos, máis ca nunca, necesitamos unha comunidade que medre na forza e no amor da nosa lingua, vilipendiada e esquecida polos nosos gobernantes. Cantos máis sexamos, maior será a nosa forza.

E non podemos esquecer a esoutros blogues que defenden os Dereitos Humanos, a Igualdade, na procura de conformar un mundo mellor.

Vaia dende aquí o noso agradecemento a todos estes blogues que ocultan unhas facianas de xente loitadora que cre na lingua, na cultura, na Humanidade. E grazas a quen nos ledes e nos apoiades, pensando que paga a pena ficar neste blogue.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.