Sen dúbida, a tendencia vén de atrás pero unha ten a sensación de que se exacerba nos últimos tempos. O debate público chega a uns extremos realmente lamentables e non falo xa só do debate que se desenvolve nos parlamentos e medios de comunicación en xeral dende os partidos políticos (xa non falemos da televisión rosa/amarela). Non sei moi ben tampouco se como ampliación deste ou por dinámica propia esta tendencia conversacional se vai trasladando á sociedade sobre todo nuns tempos onde certos discursos exacerbados atopan un espazo que non debería de concedérselles.
O fundamental deste fenómeno é que cando as persoas non teñen argumentos dedícanse á calumnia, o insulto e a máis burda mentira. Así, parece que nos afacemos a que certos colectivos fundamentalistas intimiden a poboación coas súas diatribas por internet, con panfletos incendiarios ou emitindo supostos informes de fundacións con tanta lexitimidade democrática nos valores que defenden como o Ministerio da Propaganda de calquera ditadura.
Falan dende o cumio da demagoxia, utilizando a linguaxe dos dereitos para falar de privilexios, a linguaxe da familia para impoñer a submisión das mulleres ou a linguaxe da imposición para defender a única lingua imposta –por historia e presenza dende arriba: canles de tele, radio e xornais, comunicacións administrativas, dereitos de uso, acceso ao espazo público... teño que seguir?– en Galicia, o castelán.
O falar non ten cancelas, claro, pero esquecemos moitas veces que cos dereitos veñen tamén obrigas e unha delas é a de respectar os límites do debate lexítimo. Para que se entenda claro, eu non escribo mentiras como que tal político viola nenos para desacreditar as ideas que defende e coas que estou en total desacordo. Nin digo que certa dirixente de organización zoupa no seu alumnado para desmontar as falacias que defende Galicia Bilingüe. Porque para rachar cos argumentos da parte contraria non se insulta, arguméntase.
O que pasa é que o único argumento que estas persoas utilizan son ideas que non deberían poder difundirse en ningunha sociedade democrática. Cómpre darlles a volta aos discursos para poder inserir de novo a xenofobia, o racismo e o machismo no debate. Porque, por poñer un exemplo que clama ao ceo, a fobia cara ao galego é unha fobia cara ás persoas que o falamos, simplemente.
O galego non é un ente abstracto, desprezar o galego é desprezar as persoas que o falamos e parece mentira que quen difunde tales discursos atope espazo en medios ou foros públicos, internet incluído.
Paréceme lamentable que, a diferenza doutros países europeos, neste alguén poida difundir ideas xenófobas, sexistas e racistas pola rede sen consecuencia penal. Así, canto máis se tolera a situación, máis vai en escalada, pasando da mentira e a calumnia á intimidación.
O feito de que dende as instancias gobernamentais galegas non só se tolere senón que se impulse a presenza de tales elementos no debate social explica que centos de mestras e mestres de toda Galicia teñan que soportar burofaxes intimidatorios por exercer o seu dereito e ademais deber legal de impartir as súas aulas en galego segundo o Decreto vixente, ademais doutros casos aínda máis vergoñentos. Iso, claro, non debe de ser “impoñer”.
A un goberno que pretende vender unha imaxe falsa de “amabilidade” non lle interesa que tales feitos saian á luz mais animo a falar deles. Porque a responsabilidade final desta situación está en quen permite, dá cova e espazo a estas voces. Porque para iso están, primeiro e antes de todo, os poderes públicos e con eles toda a sociedade, para marcar os límites do admisible.
Sen comentarios
Publicar un comentario