Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/06/10

La boca llena de tierra

Menos mal que este libro de Branimir Scepanovic é curto. Porque se chega ser moi longo dáme un infarto. Non estou de broma, non, dígoo totalmente en serio. Que atmosfera máis opresiva, máis abafante!
La boca llena de tierra non é un libro para pasar un anaco de tempo entretido, é un libro estresante, desacougante, un libro que baixo ningún concepto deixa indiferente.
Con apenas 80 páxinas o autor consegue unha lectura atenta, interpretativa, ao mesmo tempo dual e desasosegante: perseguiremos ao perseguido ou seremos nós perseguidores? Por que non eliximos nós o xeito de rematar coa nosa vida? Alternando na narración os puntos de vista, asistimos atónitos ao compromiso coa irracionalidade máis flagrante da humanidade; o nacemento dun odio sen motivo, a contradición nos sentimentos humanos; a relación entre o individuo e a sociedade; o enfrontamento entre a norma social e o desexo, entre o ben e o mal.
A soidade, presente na colectividade, é o motor da novela, xunto coa nostalxia e a busca da beleza na natureza, posto que o ser humano sempre resulta máis depravado, sempre defrauda.
Sinceramente, unha obra mestra que deberiamos coñecer.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.