Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/06/10

Settecento

Gustoume moito este libro de Marcos Calveiro, moito máis, sen dúbida, que Festina Lente. Settecento lévanos a pasear pola Venecia do século XVIII, mentres escoitamos a melodía das súas palabras e coñecemos de primeira man os personaxes, rumores, envexas e máscaras que poboan esta cidade de contos e soños. En contraste, a música cerimoniosa compostelá, cidade atrasada e relixiosa, con fames e pestes, con relixión por riba de todo. E é que en Venecia existe o carnaval, a máscara, a igualdade baixo esta, cando menos durante un tempo. Aínda que esta máscara pode non ser real, ser a máscara da vida, a que utilizamos cada día para agocharnos detrás dela, para tentar sermos máis forte ou para ocultar os nosos verdadeiros sentimentos. Porque é esta, ao final, a máscara que debemos erguer para entender os personaxes, as súas paixóns, odios e frustracións.
Música e poesía definen a obra. Lela e escoitala. Pisar as ruelas de Venecia oíndo os nosos propios pasos, os que se reflicten na novela, o rumor da auga constante nesta fermosa cidade, as campás, as notas disonantes dos humanos, as súas baixezas e mentiras, pero tamén o amor, a admiración, a lealdade. Imposible unha lectura xorda, imposible unha lectura rápida: hai que degustala, sentir as notas que tocan as palabras, a linguaxe engaiolante utilizada, o león que coñecemos de pedra tornarse humano, máis humano que os humanos, e pasear unha e outra vez por unha das cidades máis fermosas do mundo. Cando menos para min.
Collede o libro ao remate do curso. Lédeo nas vacacións, disfrutádeo. Porque serán unhas vacacións inesquecibles.

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Haberá que meterlle o dente. Teño entendido que acaba de gañar tamén o "Raíña lupa", está en racha!

Ronsel dixo...

Si, arrasa o Calveiro. É moi bo, a verdade.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.