Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/07/10

Calcetando con María

A despedia dos encontros do club de lectura deste curso foi diferente: fomos a Vigo a encontrarnos con María Reimóndez tras a lectura do seu libro O club da calceta. Un día moi especial polo que supuxo: ir a un novo centro (grazas, Beni), a excursión, a despedida, os risos... e a amizade que os acompaña agora e da que me sinto particularmente orgullosa.
Déixovos as palabras de Carmen:

O encontro con María resultou particularmente esclarecedor. De cando en vez, agradécese que nos removan esas crenzas ou opinións que semellan tan obvias e asentadas que nunca as poñeriamos en tea de xuízo. Grande erro. O espírito crítico, a independencia de pensamento, o non dar nunca nada por sentado é un hábito moi saudable que non deberiamos perder.
María lembróunolo o outro día ao falarnos da súa experiencia coa ONG da que é creadora e que desenvolve a súa actividade en India e Etiopía. Non sempre as grandes e famosas ONG están acertadas nin nos seus plantexamentos nin á hora de coñecer as necesidades reais e a idiosincrasia de cada pobo (algo imprescindible para levar á práctica unha axuda verdadeiramente efectiva).
Por suposto que falamos da súa obra, e da desigualdade, e dos problemas das mulleres... pero o que marcou -cando menos para min- esta conversa foi unha sacudida intensa dirixida directamente á mente e á conciencia, ás veces tan compracentes e acomodaticias.


2 comentarios:

Tania dixo...

A min gustoume moito o feito de coñecer a alguen q viviu tanto. Refirome as anecdotas que nos comentou sobre a sua labor nas ONGs. Tamen m gustou o feito de ter que tomar o bus e ir cara Vigo. Foi unha boa experiencia
Sinto non haber podido ir a Lalín

Ronsel dixo...

Nós tamén o sentimos, Tania. Feliz ano

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.