Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/07/10

Leer Lolita en Teherán

Se amas a Literatura, tes que ler este libro. Se cres na igualdade, tes que ler este libro. Se consideras que a educación é a opción, tes que ler este libro. Se... Simplemente, tes que ler este libro.
Asaltan moitos sentimentos canda a súa lectura. Un deles (ía poñer o primeiro, pero non sei cal é a orde) é a estrañeza: Existiu realmente esta muller? Está contando unha realidade que nos semella tan allea?. Outro é a admiración: Como me gustaría ser así. Outro a carraxe: Como se pode aturar tanta inxustiza, tanta crueldade?. Outro é a envexa: Eu quería ser quen de ensinar así. E moitos máis.
Xa sabedes que tento falar da impresión que me provoca un libro, non do seu argumento, algo que podedes atopar facilmente. Nesta ocasión teño que facer referencia ao que supón para unha muller o día a día en Irán, onde se vivía un asedio fundamentalista que case non somos capaces de comprender: vestir de escuro, ocultar o pelo, poñer un chador, non poder pintarse nin maquillarse, non pasear con homes, non rir, non... Todas as regras son un NON fantástico, xa que todo é susceptible de ser pecaminoso. Nesta sociedade machistamente irracional, a autora, Azar Nafisi, profesora con problemas por non querer levar o velo imposto, decide facer un CLUB DE LECTURA! na súa propia casa, un club de lectura para mulleres. A soa idea faime tremer cando comezo a ler. Porque neste club encérrase a desmitificación da lectura social para facela persoal: todas as integrantes son quen de ler máis alá das liñas dos autores -prohibidos- ingleses para se comparar coas protagonistas, para entender que a superfice agocha moitas veces -case sempre- sentimentos que non sempre poden saír á luz, para ler entre liñas o que un autor quería dicir debaixo de palabras aparentemente inocuas.
Non sei. Podería escribir moito e sempre quedarían cousas por dicir. Creo que, de verdade, é unha obra para ler, para saborear, para enfadarse, para admirar, para entender que ás veces o único xeito de conservar a propia cordura é evadirse por medio da lectura. Xusto o contrario do que lle pasou a Don Quixote!!!
O que máis sinto é ter tardado tanto en lela. Foi un agasallo dunha amiga especial que ama tanto a Literatura como a propia autora do texto. Así que, moitas grazas novamente, Luz.

«Nunca, en ninguna circunstancia, menospreciéis una obra de ficción tratando de convertirla en un calco de la vida real; lo que buscamos en la ficción no es la realidad, sino la manifestación de la verdad». “Vivir en la República Islámica es como tener relaciones sexuales con un hombre al que aborreces”.

2 comentarios:

tatiana dixo...

convences a calquera!

tatiana dixo...

convences a calquera!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.